LPRO, Laboratorio de Proxectos, é unha materia obrigatoria do segundo cuadrimestre de 4º curso na que o estudantado aborda proxectos interdisciplinares. Cada equipo –conformado por entre 5 e 7 estudantes e 2 docentes– traballa no deseño e implementación (hardware e software) dun prototipo que dea solución a unha problemática previamente proposta.

No equipo do estudantado deben estar representadas, polo menos, dúas das catro Mencións do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e os dous membros do profesorado, deben pertencer a Departamentos diferentes, para enriquecer e facilitar sinerxias entre áreas de traballo.

As problemáticas propostas están normalmente vencelladas a unha empresa ou institución externa coa que o equipo traballa para definir a mellor solución viable. 

Ao final do cuadrimestre, fanse unhas xornadas divulgativas do traballo realizado nas que as persoas asistentes poden interactuar cos prototipos. Ademais, representantes do tecido empresarial galego participan na avaliación dos prototipos para outorgar premios ás mellores propostas.

A actividade se desenvolverá o 9 de maio (venres), no Museo Verbum (Vigo), en horario de mañá para os centros de ensino, e pola tarde para todo o público interesado. A continuación recollemos a información sobre a actividade por si pode ser do voso interese participar.

Cal é a finalidade?

Amosar o potencial das novas tecnoloxías para a solución de problemas cotiáns en distintos ámbitos (p. ex. Internet das cousas, realidade virtual, dispositivos portátiles, sistemas de control de tráfico, saúde, asistencia a persoas con discapacidade) e a capacidade de formación da Escola de Enxeñería de Telecomunicación (EET) nestas tecnoloxías a través de proxectos realizados polas e polos seus estudantes.

En que consiste?

Durante unha xornada, estudantes do derradeiro curso do Grao en Tecnoloxías de Enxeñaría de Telecomunicación presentan os prototipos que desenvolveron. O alumnado visitante poderá experimentar cos prototipos e preguntar sobre os proxectos, tanto no referido a cuestións técnicas, como metodolóxicas, competenciais, etc. Asemade, recibirán unha breve charla técnica. Agardamos resolver algúns dos “segredos” das novas tecnoloxías e amosar o potencial que poñen ao noso alcance.

Para poder ofertarlle a actividade ao máximo número de estudantes, desenvolveremos 4 sesións durante a mañá. Todas cos mesmos contidos e con prazas limitadas a 125 estudantes por sesión.

Que duración ten?

A actividade ten unha duración total de 120 minutos (visita e experimentación cos prototipos e máis a breve charla técnica).

  • Primeira sesión: 9:30
  • Segunda sesión: 10:30
  • Terceira sesión: 11:30
  • Cuarta sesión: 12:30

A quen vai dirixido?

Alumnado de BACH científico e tecnolóxico; 3º e 4º da ESO e FP tecnolóxicas

Cando?

O venres día 9 de maio de 2025.

Onde?

No Museo Verbum – Casa das Palabras (Vigo)

Como me inscribo?

Deberá enviar un correo electrónico a teleco.lpro@uvigo.gal a partir do 17 de marzo (luns) inclusive.

Para calquera dúbida, tamén se poderá contactar nos teléfonos:
📞 +34 986 812 174 / +34 609 524 352 (Subdirección de Captación e Difusión da EET).

Cómpre indicar o número de estudantes e docentes que asistirá (así como a persoa e o teléfono de contacto, para esta actividade).

Cada centro poderá reservar unha sesión. No caso de quedar prazas libres, cubriranse con estudantes doutros centros solicitantes.

Importante: o transporte do alumnado vai pola conta de cada centro escolar participante. Lembrámosvos que a Concellería de Educación do Concello de Vigo pon á disposición dos centros de ensino o programa educativo municipal Vigo Educa (vigoeduca.vigo.org)

Dado que o número de visitas didácticas programadas para estudantes é limitado, a elaboración do cronograma de participación farase atendendo ao criterio de orde de solicitude.

Queres asistir á xornada de maio de 2025?

Convidamos a todos os centros de ESO, Bacharelato e FP da cidade de Vigo a que nos visiten no Museo Verbum en maio de 2025.

Achégate e interactúa coas invencións do noso estudantado!!!