Queres coñecer que portas profesionais se abren aos perfís de enxeñaría de telecomunicación? Queres coñecer as nosas instalacións? Queres saber que vantaxes terías estudando en TelecoVigo?

0 16 de abril de 2026 ás 16:30, terá lugar a IV Xornada de Portas Abertas de TelecoVigo.

Podes inscribirte a través do seguinte formulario:

Queres ver como foron as anteriores xornadas?

A I Xornada de Portas Abertas de TelecoVigo celebrouse o xoves día 2 de marzo de 2023.

Esta Xornada de portas abertas de Teleco celebrouse conxuntamente coa maioría das escolas de Teleco de España e coa participación de Javier Ventura, Enxeñeiro de Teleco e director da Oficina Científica de Navegación por Satélite da Axencia Espacial Europea:

Mostramos as instalacións da EET (aularios, laboratorios, biblioteca, cafetería, …) e o traballo de docencia e investigación que se leva a cabo no noso centro.

Os participantes puideron experimentar, coa guía do equipo de docentes e investigadores/as da Escola, a potencialidade das tecnoloxías de telecomunicación nos nosos laboratorios de 5G, cámaras anecoicas, laboratorio de fotónica para comunicacións ópticas e cuánticas, experimentar con drons e coñecer a nosa ampla experiencia en satélites, entre outras sorpresas.

Os propios estudantes da EET acompañaron aos participantes no percorrido, para que poideran ter información de primeira man de chicos e chicas que fai nada estaban na súa mesma situación.

Calquera dúbida que teñas ou que che xurda, compártea! Escríbenos un correo a teleco.captacion@uvigo.es. Estaremos encantados de resolvela.

A II Xornada de Portas Abertas de Teleco Vigo celebrouse o xoves día 11 de abril de 2024.

Tras dar a benvida aos asistentes, realizouse unha conexión vía zoom co resto de Escolas de Teleco de España participantes, con intervención de:

  • Javier Jiménez Leube, Vicerreitor de Comunicación e Relacións Institucionais da UPM.
  • Marta Balenciaga Arrieta, Decana-Presidente do COIT.
  • Manuel Sierra Castañer, Director da ETSIT-UPM.

Despois, procedeuse á presentación da iniciativa TelecoRenta e á proxección dun vídeo de todas as escolas e universidades.

A continuación, os asistentes realizaron unha visita ás instalacións da EET, durante a que, entre outras, coñeceron:

  • a cámara semianecoica de acústica
  • o laboratorio de medidas radioeléctricas (sala anecoica de electromagnetismo)
  • o laboratorio 5G
  • o laboratorio do CES UVigo
  • o laboratorio de UVigo SpaceLab

A III Xornada de Portas Abertas de Teleco Vigo celebrouse o xoves día 10 de abril de 2025.

Un grupo de estudantes de ESO e Bacharelato visitaron a Escola acompañados das súas familias.

A directora da EET (Rebeca Díaz) deulles a benvida e fíxolles unha presentación da Escola e das súas titulacións. Foi todo un pracer poder explicar o que facemos na nosa Escola a xente tan interesada

Os visitantes percorreron as nosas instalacións acompañados polo subdirector de Captación (Pedro Rodríguez), e de membros da directiva da delegación de estudantes da EET (Laura Leirós e Hugo Mera), que lles explicaron de primeira man como é estudar teleco.

Ademais, experimentaron nos nosos laboratorios: visitaron a sala anecoica para medidas electromagnéticas, onde foron recibidos por José Vázquez Cabo e Óscar Rubiños; tamén coñeceron a sala semianecoica de acústica, da man de Soledad Torres, e puideron revisar o laboratorio 5G xunto con Juan José López Escobar, Pablo de las Llanderas e Javier Otero.

Finalmente, coñeceron o traballo dalgunhas das asociacións estudiantís presentes na EET, como CES UVigo, onde foron recibidos polos estudantes Pablo Saa López e Adrián Rodríguez Fernández, ou UVigo SpaceLab, onde a presentación correu a cargo dos estudantes Alejandro Camanzo e Manuel Diz.