Máis de 300 persoas coñecen no Verbum as solucións tecnolóxicas coas que o alumnado de Enxeñaría de Telecomunicación conecta a vida cotiá

A entrega de premios tivo lugar o venres 3 de maio coa participación do alcalde e das principais firmas do sector

A piques de incorporarse ao mercado laboral, as enxeñeiras e enxeñeiros de telecomunicación que este curso rematan os seus estudos de grao tiveron este xoves e venres a oportunidade de amosar á sociedade galega que están listos para axudar a reforzar o desenvolvemento dixital e tecnolóxico do seu país. Fixérono nunha nova edición dos LPRO Days, un evento concibido como unha feira tecnolóxica profesional na que a Escola de Enxeñería de Telecomunicación amosa os proxectos tecnolóxicos desenvolvidos polo alumnado de último curso.

Nesta ocasión expóñense 14 proxectos, desenvoltos en equipos  de entre 4 e 5 estudantes titorizados cada un deles por dous docentes, sobre problemas, temáticas e tecnoloxías diversas “que, como sempre, amosan o amplo abano de campos nos que se aplican as tecnoloxías da Enxeñaría de Telecomunicación e a formación que se ofrece nesta escola”, explica o profesor Manuel Caeiro, coordinador da actividade, quen salienta que esta edición destacan, sobre todo, os proxectos sobre Internet das Cousas e asistencia a persoas con discapacidade. A eles hai que sumar , en verbas de Caeiro, “proxectos moi de Telecomunicación” como os que avalían o espectro radioeléctrico ou os que fan o seguimento das sinais de posicionamento dos barcos ou temáticas tan variadas como música, espectrometría, xestión de almacéns e máquinas expendedoras.

O xoves 2 de maio amosaron os seus proxectos á comunidade universitaria con postos colocados no corredor principal da escola e o venres trasladáronse ao Verbum, onde, só pola mañá, contaron coa visita de 273 estudantes de seis institutos de Vigo e a súa contorna, mentres que pola tarde a visita foi libre para calquera persoa que quixo achegarse ata o museo, incluídas as principais empresas e centros tecnolóxicos deste sector.

Tecnoloxía punteira que facilita o día a día dos negocios de sempre

Tecnoloxía que facilita o día a día das persoas. Esta é a idea coa que arrancaron o deseño dos seus proxectos e coa que lles gustaría que se quedasen as persoas que visitan os distintos postos. Os exemplos son múltiples, tantos como prototipos se exhiben na feira.

O equipo de e-Horta explica como este sistema facilita a xestión diaria dunha horta ou invernadoiro grazas a unha aplicación multiplataforma que facilita a sensorización e control de distintos parámetros, un sistema que facilita o autocultivo buscando un mellor aproveitamento e uso dos recursos naturais, así como a consecuente redución da pegada de carbono ao evitar desprazamentos innecesarios ao terreo. Pensado tamén para o mundo agrogandeiro expúxose MuundoGando, unha ferramenta de xestión de pequenas granxas na que almacenando e procesando periodicamente os datos da posición do gando, se poden optimizar as zonas de pastoreo e xerar alertas sobre comportamentos anómalos, “intégrase con intelixencia artificial de maneira que poida facer suxestións e posibles solucións os problemas que van xurdindo no día a día”.

Pensando nas PEMES presentouse Insa, un sistema innovador de xestión de inventarios que permite actualizacións en tempo real, así como a realización de pedidos de xeito automático para manter niveis óptimos de stock.

Cada vez máis presenza do ámbito sociosanitario

O ámbito sociosanitario está cada vez máis presente na feira e cada edición son máis os proxectos que buscan mellorar a vida de persoas que padecen algunha doenza, que son enfermos crónicos, etc. Nesta ocasión, entre outros, presentáronse LembraPill, un dispensador automático de pastillas  que se configura a través dunha app que inclúe tamén alertas, localizar de farmacias, recordatorios de citas…  EchoVision, unha solución de intelixencia artificial, que utiliza algoritmos para analizar imaxes e xerar descricións auditivas de cara a mellorar a independencia de persoas invidentes ao permitirlles comprender a súa contorna a través de explicacións detalladas.

Presentouse tamén unha solución tecnolóxica para cadeiras de rodas, SafeWChair, dotada de algoritmos de aprendizaxe automática para detectar caídas; outra pensada para persoas con dificultades motoras e de fala que, mediante pestanexos intencionados, permítelle ao usuario controlar o televisor cambiando de canle, variando o volume e incluso pedindo axuda vía mensaxe a algún familiar ou persoal de asistencia.

Entrega de premios

A entrega de premios aos mellores proxectos tivo lugar o venres 3 de mayo ás 18.00 horas e contou coa participación do alcalde Abel Caballero; a directora da escola, Rebeca Díaz, e as persoas representantes das firmas de conexiónTeleco que se encargan de patrocinar estes premios: Marine Instruments, Optare Solutions, Quobis, Gradiant e atlanTTic, así como un representante de Televés que entregou neste acto o premio da categoría de bacharelato individual da 2ª Olímpíada de Teleco celebrada a semana anterior.

Fonte DUVI e Atlantico Diario.