Para a EET esta colaboración universidade-empresa favorecerá que o estudantado de grao, mestrado e doutoramento do centro teña un ensino máis diversificado e máis orientado ao mundo laboral. Por outra banda, Indra poderá estar acompañada nas súas liñas estratéxicas grazas ao contido tecnolóxico dos estudos que se imparten na Escola.
Obxectivos
As actividades da Cátedra teñen as seguintes liñas estratéxicas de actuación:
- A creación dun programa de captación de talento, que teña por finalidade a formación de excelencia do estudantado da EET
- Colaboración e apoio no Plan de Difusión e Captación da EET para a realización de actividades de visibilidade e difusión entre o alumnado preuniversitario dos estudos que se imparten na Escola, redundando así no fomento das súas vocacións científicas e tecnolóxicas.
- A colaboración en actividades transversais á docencia, nomeadamente no ámbito do Plan de Acción Titorial (orientaTE) e do Plan de Mentorización (MEET-Teleco)
- A realización de proxectos e programas de investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica
- Organización de xornadas, conferencias, seminarios e foros relacionados con temas de interese no ámbito da Cátedra.
- A promoción da posta en marcha de actividades formativas que teñan por obxecto a capacitación, especialización e actualización de competencias dos membros da comunidade universitaria, atendendo ás necesidades competitivas da empresa
Formalización da cátedra
A Universidade de Vigo e a compañía Indra, empresa líder en España na industria das tecnoloxías da información e das comunicacións, puxeron en marcha o 28 de febreiro de 2023 a Cátedra Indra-UVigo en enxeñaría e tecnoloxía. Institucionalizouse así a colaboración entre a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) e Indra, co obxectivo de fomentar a preparación do estudantado para o exercicio profesional en áreas operativas da empresa, relacionadas coa súa educación universitaria e as posibles saídas profesionais desde os estudos ofertados pola EET, promovendo en paralelo a formación continua, a innovación e a investigación.
Diversos momentos da sinatura do convenio
Actividades
Entre as actividades a desenvolver ao abeiro da Cátedra Indra-UVigo, destacan a colaboración e o apoio ao Plan de Difusión e Captación da EET para a realización de actividades de divulgación científica e tecnolóxica, co obxectivo de fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado máis novo. O patrocinio da Olimpíada Teleco, un concurso para o estudantado de ESO, Bacharelato e ciclos formativos de grao superior; a colaboración no plan orientaTE e no programa de mentorización MEET-Teleco; promoción de eventos científicos e tecnolóxicos e a realización de proxectos e programas de investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica, son outras actividades a desenvolver ao abeiro da Cátedra Indra-UVigo.