Os LPRO Days levan ao Verbum os proxectos máis innovadores do alumnado de Telecomunicación

A edición deste ano destaca pola presenza de propostas vinculadas á auga e á condución intelixente

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación  celebra este xoves e venres unha nova edición dos LPRO Days, unha feira tecnolóxica na que o alumnado presenta os proxectos desenvolvidos ao longo do curso na materia Laboratorio de Proxectos. Como xa é habitual o evento desenvólvese  en dúas sesións abertas á comunidade universitaria e á cidadanía: hoxe xoves no Museo Verbum de Vigo, pola mañá para alumnado preuniversitario e pola tarde para público en xeral, e mañá venres nas propias instalacións da escola.

Este ano bateuse un récord de participación de alumnado preuniversitario na visita aos postos instalados no museo Verbum: 449 estudantes de nove institutos vigueses, consolidando así esta iniciativa como un dos principais escaparates do talento innovador do estudantado da UVigo e da súa capacidade para transformar coñecementos técnicos en solucións aplicables a retos reais. 

5000 euros en premios financiados por empresas do sector

Con esta actividade a EET reforza a súa aposta pola innovación aplicada, o traballo colaborativo e a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Desde a dirección da escola, Rebeca Díaz destaca a forte colaboración do sector empresarial co evento. De feito serán cinco empresas, todas da rede ConexiónTeleco, as que se farán cargo da entrega de premios aos mellores proxectos: cinco premios dotados con mil euros cada un da man de Gradiant, Optare Solutions, Marine Instruments, Quobis e o CTAG.

A maiores cóntase tamén coa participación no evento doutras firmas como Teltek, Fluge, Innatial, Técnica Engineering, ONCE, Wireless Galicia, Colabora Ingenieros e Telefónica

Proxectos integramente desenvoltos polo alumnado

Todos os proxectos foron deseñados e desenvolvidos integramente polo alumnado, once equipos multidisciplinares que presentan prototipos centrados en ámbitos como a intelixencia artificial, a internet das cousas, a seguridade viaria, a saúde, a accesibilidade ou a monitorización ambiental. Agora, ao longo destes dous días, teñen a ocasión de explicar o funcionamento das súas propostas diante do público e de profesionais do sector.

O profesor Manuel Caeiro, coordinador desta materia na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, destaca especialmente “a variedade de temáticas e o uso de novas tecnoloxías” presentes nesta edición. Como curiosidade destaca a presentación de “varios proxectos que tratan sobre temas relativos á auga: calidade dos mananciais, detección de riadas e explosións submarinas”, explica. Así mesmo, tamén pon o foco noutras iniciativas vinculadas á seguridade e á mobilidade, como os sistemas de apoio á condución. “Creo que  imos sorprender unha vez máis coa variedade de temas que tratamos”, recalcou o docente.

11 equipos, 11 xeitos de achegarse á tecnoloxía

Os once proxectos participantes nesta edición dos LPRO Days amosan a diversidade de ámbitos nos que o alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación aplica as novas tecnoloxías, con propostas centradas na intelixencia artificial, a internet das cousas, a realidade virtual, a seguridade ou a monitorización ambiental.

AugaCalidade é un sistema IoT de baixo custo para monitorizar en tempo real a calidade da auga en traídas rurais. Ante riscos de contaminación post-incendio, emprega sensórica multiparamétrica, comunicacións NB-IoT e intelixencia artificial para xerar alertas temperás, asegurando un consumo seguro mediante unha plataforma web interactiva.

Palabras clave: Telemetría hídrica, IoT, Alerta temperá, Baixo custo e mantemento

BOLA (Basic Offside Line Assistance) é un sistema de asistencia ao árbitro para partidos de fútbol non profesional. Funciona de forma semiautomática e proporciona información sobre as posicións de fóra de xogo dos xogadores empregando algoritmos de visión por computador. O árbitro interactúa co sistema a través dunha plataforma web, onde define a calibración inicial e analiza os fotogramas relevantes.

Palabras clave: Visión por computador, Fútbol, Streaming, Interface web, Raspberry Pi.

Bookit é unha proposta de dixitalización para a xestión de salas de estudo, con reservas web, monitorización IoT das salas e servizos para simplificar a mobilidade entre distintos espazos dispoñibles.

Palabras clave: IoT, ESP32, NestJS, MongoDB, Mobilidade

DormIA é un sistema de monitorización do sono que combina sensores con intelixencia artificial. Mide indicadores biolóxicos e ambientais, procesa os datos mediante algoritmos de machine learning e ofrece recomendacións personalizadas incorporando criterios clínicos, a través dun asistente conversacional para mellorar a calidade do descanso.

Palabras clave: Intelixencia Artificial , BLE , Biometría , Calidade do sono , Recomendacións personalizadas

FerroVixía transforma os trens comerciais en sensores activos capaces de detectar anomalías nas vías. Mediante dispositivos IoT e procesamento dixital das sinais, o prototipo distingue elementos fixos, como cambios de agulla, de defectos xeométricos. A información recóllese nunha base de datos na nube e exponse nunha interface web que facilita o mantemento preditivo e mellora a seguridade ferroviaria.

Palabras clave: IoT, Procesamento de sinais (CWT, WVD), Detección de anomalías, Smart Data, Mantemento preditivo

GuideGuard é unha solución de vixilancia para audioguías empregando beacons BLE e nodos ESP32. Facendo uso de algoritmos de filtrado para procesar potencias RSSI en tempo real, o software valida a traxectoria do usuario e discrimina entre unha entrada ordinaria e un intento de furto, brindando protección activa e reducindo as falsas alarmas.

Palabras clave: BLE, RSSI, Beacons, Telemetría, ESP32

HydRIA é un sistema modular de monitorización e alerta temprana ante inundacións, empregando unha arquitectura IoT de baixo custo e alta eficiencia enerxética. Apoiando na tecnoloxía LoRa acádase un gran alcance de cobertura de datos de diversos sensores, que se publican nunha webapp de libre acceso.

Palabras clave: Alertas, Inundacións, LoRa, Monitorización, IoT

OPSIS é un sistema de control da pantalla do coche, pensado para reducir o tempo que se desatende a conducción. Permite interactuar dirixindo a mirada e actuando sobre controis integrados no volante. Mellora a seguridade ao reducir as distraccións, e fai a pantalla accesible a persoas con mobilidade reducida.

Palabras clave: Interfaz vehicular, Conducción segura, Seguimiento ocular, Dispositivos integrados, Accesibilidade

Sinfonie é unha ferramenta de adestramento de dirección de orquestra sen a necesidade de dispor dunha orquestra presencial. Para iso, recorrerase á realidade virtual e ao uso dunha batuta intelixente para que o director ou un usuario afeccionado ensaie os seus xestos ou viva a experiencia de dirixir unha orquestra.

Palabras clave: MIDI, Wearable, VR, Bluetooth, MediaPipe

SIRA é un dispositivo deseñado para integrarse en vehículos, capaz de detectar sirenas de emerxencia e estimar a súa dirección de procedencia en tempo real. O sistema contribúe a unha resposta máis rápida e coordinada do tráfico, mellorando a percepción situacional do conductor e a seguridade viaria.

Palabras clave: Direction of Arrival-Detección de sinais tonais-Deep Learning-Machine Learning-Resposta a emerxencia

WaveBlaster é un sistema autónomo para a detección de explosións submarinas asociadas á pesca ilegal mediante análise acústica en tempo real. Integra grabación do sinal mediante un hidrófono, algoritmos de detección e clasificación, envio de datos mediante LoRa e un servidor web para visualizar eventos e facilitar a vixilancia.

Palabras clave: Explosións, Hidrófono, Tempo real, Machine learning, LoRA

No eido da mobilidade e a seguridade destacan iniciativas como Bola, un sistema de asistencia arbitral para detectar fóras de xogo mediante visión por computador; Sira, orientado á detección de sirenas de emerxencia para mellorar a resposta do tráfico; Opsis, que aposta polo control da pantalla do coche mediante seguimento ocular para reducir distraccións; e FerroVixía, unha solución para detectar anomalías nas vías ferroviarias empregando tecnoloxías IoT e procesamento avanzado de sinais.

A saúde e o benestar tamén teñen presenza nesta edición con propostas como DormIA, un sistema intelixente de monitorización do sono baseado en sensores biométricos e algoritmos de machine learning, ou Sinfonie, unha ferramenta de realidade virtual para o adestramento en dirección de orquestra mediante captura de movemento e unha batuta intelixente.

Os retos ambientais e a monitorización do territorio constitúen outro dos grandes bloques temáticos, con proxectos como AugaCalidade, centrado na análise da calidade da auga en traídas rurais; HydRIA, unha plataforma de alerta temperá ante inundacións; e WaveBlaster, orientado á detección de explosións submarinas asociadas á pesca ilegal.

Completan a relación de proxectos Bookit, unha plataforma para a xestión intelixente de salas de estudo universitarias, e GuideGuard, unha solución de vixilancia para audioguías baseada en tecnoloxías BLE e ESP32 para reducir furtos e falsas alarmas.

Fonte: DUVI