O programa de doutoramento Matemáticas e Aplicacións forma parte da oferta da Universidade sen Fronteiras (UNISF). Esta proposta transfronteiriza nace da colaboración entre as 6 universidades públicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (FCEER).

As universidades que forman parte da rede de universidades públicas da Eurorrexión son: a Universidade da Coruña (UDC), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Vigo (UVigo), a Universidade do Minho (UMinho) , a do Porto (U. Porto) e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD).

O doutoramento en Matemáticas e Aplicacións ofrece formación no ámbito das Matemáticas e as súas aplicacións, con orientación tanto para a carreira académica como para o mercado laboral. Preténdese que o alumnado adquira competencias específicas na área das matemáticas: desenvolvemento de técnicas, linguaxes e ferramentas teóricas e/ou computacionais adecuadas para a resolución de problemas; afondamento das técnicas xerais e enfoque autónomo de problemas matemáticos; modelización e resolución innovadora de fenómenos científicos, no ámbito das Matemáticas e as súas aplicacións.

A colaboración transfronteiriza, favorecida pola afinidade cultural, reúne coñecementos científicos de varias institucións e centros de investigación de prestixio de Galicia-Norte de Portugal, creando unha forte masa crítica de docentes e investigadores, con mérito recoñecido internacionalmente, nas distintas áreas das Matemáticas e as súas aplicacións.