Unha forma de establecer unha colaboración estratéxica, ampla, cualificada e estable coa contorna empresarial e as fundacións ou entidades son as Cátedras de Empresa, iniciativas que –máis aló do económico– permiten acadar mediante estratexias de docencia, formación e investigación planificadas conxuntamente, froitos que redundan directamente no beneficio de ambas as partes.

Deste xeito, dáse forma a un modelo de colaboración especialmente interesante para o futuro das entidades participantes. Neste modelo, a empresa ou entidade comprométese a unha aportación económica anual equivalente á retribución dun catedrático de universidade e a cátedra pode levar unha denominación de acordo cos seus fins. As actividades que se poden incluír no marco da cátedra son plurais e van desde a formación e intercambio de persoal e de experiencias ata a realización de proxectos de I+D.

Para o mellor funcionamento da cátedra, créase unha Comisión de Seguimento, integrada por representantes de ambas as dúas entidades, que se encarga de seleccionar as actividades, facer un seguimento delas e solventar calquera necesidade que poida xurdir.

Cátedras activas na actualidade

A EET participa actualmente nas seguintes cátedras:

Data de constitución
18/12/2018 (vixencia 4 anos)

Directora da cátedra
Profesora Ana Fernández Vilas, en delegación do reitor da Universidade de Vigo

Actividades da cátedra
Supón a colaboración estable entre a Universidade de Vigo e R para promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación, ampliar ou actualizar os  coñecementos, técnicas ou habilidades da comunidade universitaria ou doutras persoas profesionais co obxectivo de adaptalas ás necesidades da empresa, fomentar a súa formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade. Ao abeiro deste obxectivo xenérico, as liñas estratéxicas de actuación da Cátedra R en Ciberseguridade son:  

  1. A colaboración na docencia e na investigación, especialmente no Mestrado lnteruniversitario (UVigo-UDC) en Ciberseguridade (munics.es).
  2. A creación dun programa de captación de talento, que teña por finalidade a consecución da excelencia académica nas universidades de Vigo e da Coruña. 
  3. O impulso de actividades que permitan crear espazos de debate e difusión da actividade docente e investigadora do ámbito da ciberseguridade.
  4. A promoción de actuacións que estimulen a capacitación, especialización e actualización das competencias da comunidade universitaria e profesionais alleos á mesma, atendendo ás necesidades competitivas da empresa.

Ano de constitución
2019 (vixencia 2 anos)

Directora da cátedra
Profesora Carmen García Mateo, en delegación do reitor da Universidade de Vigo

Actividades da cátedra
Supón a colaboración estable entre a Universidade de Vigo e MN PROGRAM co fin de promover o desenvolvemento das competencias profesionais do estudantado universitario, mellorar a capacitación, ampliar ou actualizar os coñecementos, técnicas ou habilidades dos membros da comunidade universitaria ou outros profesionais para adaptalos ás necesidades da empresa, fomentar a formación continua, a innovación e a investigación nas seguintes áreas:

  • Automatización robótica de procesos
  • Identificación biométrica
  • Enxeñaría lingüística e interfaces de voz
  • Técnicas avanzadas de intelixencia artificial
  • Xestión avanzada e masiva de datos / Big Data

Data de constitución
21/12/2016 (vixencia 4 anos) 

Director da cátedra
Profesor Iñigo Cuiñas Gómez, en delegación do reitor da Universidade de Vigo

Actividades da cátedra
Supón a colaboración estable entre a Universidade de Vigo e Deloitte Advisory na creación dun Programa de captación de talento, que teña por finalidade a formación do estudantado da Universidade de Vigo cun bo expediente académico, con capacidade de innovación e que acredite un bo nivel do idioma inglés. Promoverase a posta en marcha de actividades formativas que teñan como obxectivo a capacitación, especialización e actualización das competencias de membros da comunidade universitaria e de profesionais alleos que atendan as necesidades competitivas da empresa. Impulsarase un sistema de bolsas en prácticas por períodos máximos de 6 meses para o estudantado ou titulados recentes da Universidade de Vigo, previa selección a través dun proceso regrado. Organizaranse congresos, xornadas, conferencias, seminarios ou foros, nos ámbitos de estudos propios da cátedra. Promoverase a publicación dos estudos ou traballos científicos ou de divulgación, referidos aos ámbitos de estudos propios da cátedra.

Propoñer unha cátedra

Se a túa entidade está interesada en definir unha cátedra
coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación,
por favor, contacta coa Dirección do centro