Este programa formativo, a cargo da Cátedra NextChip da Universidade de Vigo, capacitará aos participantes no deseño, proba e empaquetado de chips fotónicos.
A Cátedra NextChip, financiada polo Ministerio de Economía, Comercio e Empresa a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, con fondos do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia, desenvolve ferramentas de testeo e caracterización de chips fotónicos e electrónicos de nova xeración.
Obxectivos
A titulación busca a capacitación en deseño, medida, fabricación e empaquetado de dispositivos fotónicos e electrónicos cunha importante formación práctica coa finalidade de preparar aos participantes para a súa incorporación á crecente oferta de postos cualificados en plantas de deseño e produción de chips fotónicos.
A quen vai dirixido?
Esta formación está especialmente dirixida a estudantes e titulados universitarios no ámbito da tecnoloxía, principalmente Física e Enxeñerías, como Telecomunicación, Electrónica, Mecánica… ou outros profesionais con experiencia laboral no ámbito da formación.
Contidos
O programa completo, consta de catro microcredenciais, que conduce á obtención do título de “Experto en Desenvolvemento de Dispositivos Fotónicos Integrados” pola Universidade de Vigo e impártese ao longo de seis meses sen taxa de matrícula para os participantes.
As microcredenciais son independentes e pódense obter por separado. A superación de cada microcredencial outorgará un certificado recoñecido na Unión Europea, aínda que a cualificación completa de Experto require a superación das catro microcredenciais:
- Microcredencial: Deseño e probas de circuítos integrados fotónicos. (10 ECTS)
- Deseño e probas de circuítos integrados fotónicos pasivos.
- Deseño e probas de circuítos integrados fotónicos activos.
- Deseño e probas de circuítos integrados de RF pasivos.
- Microcredencial: Fabricación e empaquetado de chips fotónicos. (6 ECTS)
- Fabricación en sala limpa de circuítos integrados fotónicos.
- Empaquetado de circuítos integrados.
- Microcredencial: Introdución á fotónica cuántica. (3 ECTS)
- Introdución á fotónica cuántica.
- Microcredencial: Xestión de proxectos e transferencia de tecnoloxía. (3 ECTS)
- Xestión de proxectos e transferencia de tecnoloxía
Metodoloxía
O curso impartirase na súa maior parte na Ciudade Tecnolóxica de Vigo (Citexvi), instalación situada no Campus Universitario de Vigo, e contará coa participación de expertos no ámbito a nivel internacional. A formación incluirá numerosas actividades prácticas.
Os alumnos participarán tamén nunha formación intensiva no Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía (INL), en Braga (Portugal).
Calendario e horarios
O curso comezará o 2 de febreiro e finalizará o 24 de xuño de 2026.
As clases terán lugar de luns a venres, de 15:30 a 19:30 horas.
Preinscrición e matrícula
A preinscrición realizarase a través da web do Centro de posgrao e formación permanente da Universidade de Vigo (https://cpfp.uvigo.gal/) e a matrícula será sen custo para as persoas participantes.
