A Escola coordina 5 universidades europeas e 6 marroquís no proxecto Auditum

O proxecto AUDITUM –Audit et Contrôle Interne à l’Université Marocaine– está financiado pola Unión Europea baixo a convocatoria Capacity Building Higher Education (CBHE), promovida pola  EACEA (Education, Audiovisual  and  Culture  Executive  Agency). 

Baixo a coordinación da nosa compañeira Ana Fernández Vilas, este foi o segundo proxecto desta convocatoria coordinado dende a Universidade de Vigo tras o proxecto MarMOOC.

Contou cun orzamento de perto do millón de euros e a colaboración de 5 universidades europeas e 6 universidades de Marrocos. Ten por obxectivo fortalecer a gobernanza nas universidades marroquís a través do desenvolvemento e aposta en funcionamento de ferramentas de control da súa xestión. Auditum contempla dúas liñas de traballo: unha tecnolóxica centrada no desenvolvemento de aplicacións para o control financeiro e interno e outra de transferencia de boas prácticas no ámbito da xestión. Por esa razón formáronse equipos con xente de tecnoloxía da nosa Escola e persoas expertas en control financeiro e interno.