Éxito do obradoiro 'Elas Fan TIC' organizado pola EET

Escolares de 5º e 6º de primaria participaron na EET nun obradoiro de robótica

Foto de familia nas escaleiras do vestíbulo central da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Preto dun cento de escolares de 5º e 6º de primaria dos colexios vigueses de A Doblada e Párroco don Camilo, de Santo Andrés de Comesaña, visitaron o venres 1 de marzo de 2024 a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) para participar no obradoiro Elas Fan TIC, unha nova actividade coa que o centro busca fomentar as vocacións tecnolóxicas nas nenas e mozas e axudar a reducir a fenda dixital de xénero.

Nenas e nenos participaron nun taller de iniciación á robótica de hora e media de duración, onde, en equipos de tres estudantes, puideron afrontar a montaxe dun pequeno robot (CuteBot) e programalo para superar un reto, tarefas para as que contaron coa axuda dun amplo equipo de alumnas e alumnos da escola.

Con esta actividade o centro adianta ao mes de marzo a celebración do Día Internacional das Nenas nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación que, oficialmente, se conmemora o 22 de abril co obxectivo de alentar ás nenas e mozas a considerar a posibilidade de orientar os seus estudos e profesións ao campo das carreiras tecnolóxicas. Desde Vigo fíxose, nesta ocasión, coa organización deste obradoiro, coordinado pola profesora Soledad Torres, enlace de Igualdade da EET, e patrocinado pola Cátedra Indra-UVigo en enxeñaría e tecnoloxía, na que se inclúe unha liña de divulgación e concienciación sobre tecnoloxía e igualdade.

Fonte DUVI.

Medios como Faro de Vigo fíxose eco desta xornada.