O alumnado que solicite a súa admisión neste título de máster debe contar, preferentemente, con algunha das titulacións universitarias de grao, licenciatura ou enxeñería técnica nos seguintes ámbitos, que denominaremos Titulacións Preferentes (incluíndo aqueles títulos con denominacións equivalentes ou alternativas ás incluídas na listaxe):
- Enxeñería de Telecomunicación
- Enxeñería Electrónica Industrial e Automática
- Enxeñería Informática
- Ciencia e Enxeñería de Datos
- Intelixencia Artificial
- Robótica
No caso do alumnado que solicite a súa admisión e posúa un título diferente, valorarase a súa admisión en función de que poida xustificar que os seus estudos previos haxan conducido á adquisición dos coñecementos correspondentes ao perfil xenérico dun titulado nun grao relacionado co ámbito das TIC, do cal se espera que teña coñecementos de programación, deseño de algoritmos, redes de computadores, protocolos básicos de comunicación entre dispositivos, circuítos electrónicos, así como coñecementos de estatística.
Para iso o alumno deberá achegar na súa solicitude, ademais do seu currículo vitae, o Título de Grao que posúa, así como detalle do plan de estudos cursado no que apareza a carga docente de cada unha das materias, e a ficha descritiva daquelas que fosen relevantes para a xustificación de adquirir os coñecementos correspondentes ao perfil xenérico descrito no parágrafo anterior.
Anexará tamén a súa experiencia laboral relacionada coa IoT de ser o caso. O baremo con que se avaliarán as solicitudes de ingreso basearase nos seguintes aspectos:
- Expediente académico: Ata o 70% da nota. Para alumnos procedentes de titulacións diferentes das Preferentes, o seu expediente académico será dividido entre 2.
- Experiencia investigadora: Ata o 30% da nota.
- Experiencia laboral: Ata o 30% da nota.
- Outros méritos relacionados co ámbito de IoT: Ata 10% da nota.
As porcentaxes concretas asociadas ao baremo para cada curso académico serán establecidos e publicados con anterioridade ao comezo dos períodos de preinscrición e matrícula.