Por Realidade Estendida (XR) enténdese a tecnoloxía capaz de complementar a realidade que percibimos (vemos, oímos, tocamos) con elementos virtuais ou, incluso, substituíla completamente por un entorno virtual.

A súa natureza transversal, aplicable a todos os sectores, e o seu carácter disruptivo fan que sexa indispensable tanto en aplicacións tan definidas como a Industria 5.0 e a Web 4.0 como en outras aínda pouco definidas a día de hoxe, como o metaverso.

Fotos: Patrick Schneider, Valery Heritier, Carlos Fy

O Máster Interuniversitario en Realidade Estendida pola Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña (masterXR) é un programa de estudos especializado e profundo sobre a tecnoloxía asociada á XR. Ponse énfase na produción áxil de proxectos, en equipos de traballo, capaces de adaptarse progresivamente aos posibles cambios no desenvolvemento dun produto.

O masterXR divide o programa formativo en tres semestres, cursando 90 ECTS, con dous semestres nos que se traballa unha especialización que ocupa un 25% do total. O módulo asociado ao desenvolvemento profesional contempla formación en xestión, emprendemento e innovación, ademais de prácticas obrigatorias en empresa e un Traballo de Fin de Máster, enfocado a dar solución a unha necesidade concreta nun escenario real, fomentando así o espírito emprendedor e innovador.

Por que estudar a titulación?

A Iniciativa Mundos Virtuais e Web 4.0 da Comisión Europea constata a importancia da Realidade Estendida na competitividade presente e futura de Europa. Estímase un crecemento anual do 36%. A tecnoloxía móbil de baixa latencia (5G, 5.5G, 6G), combinada con técnicas de edge computing, favorecerá a implantación da XR en aplicacións individuais que acompañarán constantemente ao usuario na súa vida diaria. Os termos Industria 5.0 e Web 4.0 están directamente asociados á inmersión mediante XR.

Diversos informes recollen que o 90% de moitos e variados sectores (aeronáutico, agroalimentario, audiovisual, automoción, benestar social, comercio, construción, educación, enerxía, madeira, naval, saúde, TIC, loxística, etc.) apostan pola Realidade Estendida e consideran que o rol de experto nestas aplicacións terá relevancia nun futuro próximo.

A escala mundial, as tecnoloxías inmersivas acadarán un valor de mercado agregado de 650.000 millóns de dólares en 2028, cun ritmo de crecemento anual do 38%.


Que é o masterXR

  • É un máster técnico, esixente, aplicado e multidisciplinar.
  • Pónse énfase na produción áxil de proxectos.
  • O usuario final é condición sine qua non.
  • O traballo en equipo é clave.
  • Para cada necesidade durante o máster, unha única ferramenta software a empregar. A ferramenta é unha utilidade, non un fin.
  • A presencialidade é reducida: só 2 tardes por semana. Organiza o teu tempo.
  • Sé útil para a empresa que te contrate desde o minuto 1, integrándote en calquera desenvolvemento en marcha.

Que non é o masterXR

  • Non é un máster xeralista.
  • Non vas crear contidos, nin modelos 3D, nin texturas para cubrir superficies… diso xa se encargan especialistas. Pero si aprenderás a xestionar eses contidos para integralos nunha aplicación e saberás como interactuar cos fluxos de produción dos departamentos que os xeran.

A quen vai dirixido este Máster?

En xeral, o perfil de acceso corresponde ao dunha persoa titulada nun grao relacionado co ámbito das TIC, considerado preferente. Agárdase que dispoña de habilidades en programación, deseño de algoritmos e coñecementos de arquitectura de computadores.

Se se solicita a admisión cun título técnico que non se considere preferente, valorarase a aceptación da solicitude para proceder á súa baremación.

Os profesionais do sector con experiencia, que desexen orientar o seu desenvolvemento profesional cara á XR, poden solicitar unha matrícula a tempo parcial que lles permita compatibilizar a súa actividade laboral cos estudos do máster.

A día de hoxe, tanto en España como no resto de Europa, a realidade estendida (XR) intégrase cada vez máis de forma transversal en sectores como a saúde, a industria ou o turismo, xerando novos modelos de negocio baseados na converxencia entre a XR e a industria en xeral.

Porén, o 83% das empresas en España afirma que lles resulta difícil atopar perfís que se axusten ás súas necesidades. Para deseñar o plan formativo deste máster, contouse coa opinión de máis de 20 empresas de toda España especializadas en XR, que contribuíron a afinar os contidos a incluír e a corroborar que os perfís propostos de egreso se axustan perfectamente ao que están a buscar. O perfil eminentemente técnico —e non xeneralista— foi aplaudido por case todas, o que dotará ao alumnado da capacidade de participar activamente no desenvolvemento de produtos desde o seu ingreso na empresa.

A realidade estendida é unha combinación de tecnoloxías transversal a numerosas aplicacións e usos, aplicable en sectores tan diversos como: fabricación, loxística, saúde, entretemento, educación, publicidade, turismo, benestar social, etc. Isto fai que o perfil das persoas egresadas sexa moi variado.

Entre outros, atopamos os seguintes perfís de saída, con aplicación en todos os sectores mencionados:

  • Desenvolvemento de sistemas de realidade estendida: capacidade para organizar código de programación de forma eficiente e escalable, integrándoo nos dispositivos hardware dispoñibles.
  • Deseño de experiencias de realidade estendida en fabricación e loxística: capacidade para asesorar empresas na implementación de solucións personalizadas de realidade estendida acopladas aos seus sistemas de produción. Isto permite mellorar os procesos e reducir custos, ademais de achegar valor engadido na experiencia de adestramento ou manexo de equipos.
  • Deseño de experiencias de realidade estendida no ámbito da saúde e o benestar: capacidade para asesorar empresas e organismos na implementación de solucións personalizadas de realidade estendida aplicables a tratamentos de enfermidades, rehabilitación, diagnóstico, benestar activo, prevención, etc.
  • Consultoría en optimización de sistemas de realidade estendida: capacidade para analizar un sistema existente, detectar problemas e mellorar as súas prestacións.
  • Xestión e produción de proxectos: capacidade para liderar equipos multidisciplinares empregando metodoloxías áxiles. Preténdese sempre a obtención dun prototipo mínimo viable (MVPr) como paso previo imprescindible cara a un produto mínimo viable (MVP).
  • Deseño e implantación de xemelgos dixitais: capacidade para contribuír á creación de contornos virtuais con modelos físicos que permitan optimizar procesos industriais mediante a monitorización do funcionamento e o deseño de prototipos. Industria 4.0 e 5.0.
  • Consultoría tecnolóxica en aplicacións educativas, publicitarias ou de entretemento: capacidade para aplicar estas tecnoloxías á promoción e venda de produtos, adestramento de postos de traballo na industria, produción audiovisual (filmes, videoxogos, …), apoio á educación, promoción e desfrute do patrimonio, etc.
  • Consultoría en tecnoloxías disruptivas: capacidade para aplicar tecnoloxías asociadas á Augmented Connected Workforce para complementar e mellorar as capacidades das persoas empregadas. Web 4.0. Visión holística de todo o proceso de creación e aplicación dun contorno virtual multiusuario, coa experiencia de usuario e a innovación como valores centrais.
  • Inicio dunha carreira investigadora: a profundidade coa que se tratan os temas facilita a integración nun equipo de investigación para o desenvolvemento dunha tese de doutoramento.

A lista de empresas e entidades que mostraron interese en colaborar é a seguinte:

Empresas en Galicia:
Navantia, Inditex, Grupo Intaf, CINFO, Norlean, Kendra.

Empresas no resto de España:
ARsoft, xperienciavirtual, Virtualware, bexreal, deusens, imascono, mixonreality, broomx, brainstorm, Magic Fennec, innoarea, ludusglobal, oroi, invelon, spikatech, emersive, ibercover, iAR (industrial augmented reality), renacen.

Centros tecnolóxicos e similares:
CITIC, Gradiant, AtlanTTic, CIS Tecnoloxía e Deseño, Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Centro de Excelencia do Sector Naval – Siemens, Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Aimen, Vicomtech.

DESCARGAR FOLLETO DO MÁSTER

Contacto

Antonio Pena Giménez
Coordinador do mestrado
teleco.masterxr@uvigo.gal

Escola de Enxeñaría de Telecomunicación
Campus Lagoas-Marcosende
36310 – Vigo (Pontevedra)