Dereitos lingüísticos e boas prácticas para a docencia tecnolóxica
Esta xornada estivo dirixida principalmente ao profesorado universitario e ao persoal investigador das áreas técnicas, especialmente dos ámbitos da enxeñaría, informática, telecomunicación e humanidades dixitais, interesados en incorporar a intelixencia artificial xerativa na súa práctica docente e investigadora e en facelo utilizando o galego como lingua académica.
A xornada tivo como obxectivos explorar o potencial da intelixencia artificial xerativa no ámbito académico empregando o galego como lingua de traballo, así como ofrecerlle ao profesorado referencias e orientacións prácticas para integrar estas ferramentas na docencia e na investigación.

O comité organizador estivo formado por Manuel Caeiro Rodríguez, catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo e enlace de Normalización Lingüística da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, e Benigno Fernández Salgado, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo (ANL).
A inauguración correu a cargo de Rebeca Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e de Benigno Fernández Salgado.
En primeiro lugar, celebrouse a mesa redonda «Recursos lingüísticos e terminolóxicos para a docencia en galego no ámbito tecnolóxico», na que se tratou o papel da lingua galega no ámbito tecnolóxico nun contexto marcado polo rápido desenvolvemento da intelixencia artificial. Presentáronse recursos lingüísticos e terminolóxicos dispoñibles para a docencia en galego e reflexionouse sobre os retos e as oportunidades que presenta a IA para a nosa lingua.
Participaron: Manuel González González, catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela e director de Termigal, Adina Ioana Vladu (ILG-USC), investigadora posdoutoral en lingüística, recursos lingüísticos e tecnoloxías da fala, e membro do proxecto Nós, Iolanda Galanes, profesora titular do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo
Finalmente, na mesa redonda «A IA xerativa e a práctica académica no ámbito tecnolóxico», presentouse o libro «A intelixencia artificial xerativa na práctica académica», e reflexionouse sobre o impacto que están a ter as ferramentas de intelixencia artificial xerativa na docencia e na investigación. Tamén, compartironse experiencias e recomendacións prácticas sobre como integrar estas tecnoloxías no traballo académico, desde a elaboración de materiais docentes ata o apoio á aprendizaxe e á investigación, analizando tamén os retos pedagóxicos, éticos e metodolóxicos que supón o seu uso nas áreas tecnolóxicas.
Participaron: Manuel Caeiro Rodríguez, Margarita Rosa Pino Juste, catedrática do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación da Universidade de Vigo, e Andrea Fernández Sánchez, profesora axudanta doutora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña
A clausura da xornada estivo a cargo de Susana Reboreda Morillo, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, e Manuel Caeiro Rodríguez.








