244 estudantes de 22 centros
Patrocinada por catro empresas de Conexión Teleco: Indra, Borgwarner, Televés e Oesía
O venres 16 de xaneiro de 2026, o salón de actos da escola acolleu a recepción ao alumnado e profesorado que vai participar na IV Olimpíada Nacional de Teleco, Teleco Games, unha competición que se celebra de maneira simultánea en máis de 20 escolas de enxeñaría de toda España coa colaboración do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación.
Nesta ocasión hai matriculadas na fase galega da olimpíada, con sede na escola viguesa, 244 estudantes de 22 centros de toda Galicia, sendo a representación maioritaria da provincia de Pontevedra, se ben, tal e como explicou a directora da escola, nesta ocasión, “é notable o incremento de estudantado das provincias da Coruña e Ourense, sendo Lugo a provincia con menor representación”.
Este ano a competición conta con dúas novidades principais. En primeiro lugar lanzouse unha categoría nova para alumnado de 1º e 2º de ESO, que son os máis novos. “Queremos que se acheguen ás tecnoloxías de comunicación e información o antes posible e esta categoría, única nas Olimpíadas a nivel nacional, permítenos poder inculcar este interese a idades temperás”, explica Rebeca Díaz. En segundo lugar, este ano pediuse que todos os equipos teñan en conta dalgunha forma a ciberseguridade no proceso de desenvolvemento e/ou no deseño do prototipo. “A idea é que se familiaricen con medidas sinxelas, pero efectivas, para defender a súa seguridade e privacidade”, apunta a directora.
Chegada xa a 4ª edición da competición, Díaz saca peito polos bos resultados que están a acadar os equipos galegos nas finais nacionais. “En todas as edicións temos equipos que están no podio”. Na edición de 2025 gañaron o 1º premio (IES Rosais 2 de Vigo) e o 4º premio (IES Isaac Díaz Pardo de Sada) na categoría de Bacharelato e na categoría de FP gañou o 1º premio o equipo do CIFP A Farixa de Ourense.
A presentación das olimpíadas vén tamén acompañada dunha visita guiada deste alumnado preuniversitario ás principais instalacións singulares da EET para que coñezan que se estuda no Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, así como un pequeno encontro con dúas das asociacións de estudantes patrocinadas pola escola (CES UVigo e UVigo SpaceLab).




Fonte: Duvi






