Así foi Oracle4Girls na EET da UVigo: 80 nenas e mozas achegándose ao mundo da tecnoloxía

Divididas por franxas de idade, participaron en múltiples talleres

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación abriu este sábado as súas portas a 80 nenas e mozas e as súas familias, son as 80 participantes de Oracle4Girls, iniciativa da empresa Oracle que chegou a Vigo como unha nova oportunidade “para motivar e apoderar ás novas xeracións de mozas a converterse nas líderes tecnolóxicas do mañá”, tal e como se remarcaba na web do evento.

Aprender de xeito divertido, cunha metodoloxía activa e lúdica

Divididas en grupos de 20, atendendo ás súas franxas de idade, as participantes de 4 a 6 anos asistiron ao taller Beebot, programando abellas, un obradoiro dirixido a aprenderlles programación dunha maneira moi divertida a través dunha metodoloxía activa e lúdica na que, a través de diferentes secuencias, lle ían dando instrucións a unha abella de xoguete para que chegase onde elas querían.

No caso das participantes de entre 7 e 9 anos, puideron participar nun taller de Minecraft, un videoxogo que se desenvolve nun mundo virtual e no que, á vez que se xoga, se pode aproveitar para desenvolver diferentes capacidades como o coñecemento da linguaxe de programación Java ou a creatividade. A maiores, houbo tamén para elas un taller de Robótica con Micro:bit no que coñeceron a plataforma Makecode  a través da que programar sensores e o simulador de micro:bit, en Java ou en Python.

Para as nenas de 10 a 13 anos, houbo tamén obradoiros de Makecode e de robótica con Micro:bit adaptados ás súas idades, e para as mozas de 14 a 16 organizouse un taller de detectives de imaxes, e outro de bloques de programación gráfica de CuteBot, cos que se pode aprender a programar desde o máis simple ao máis complexo.  Estes últimos obradoiros, dirixidos ás mozas de maior idade, foron impartidos por un grupo de alumnas da propia Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o que desde a dirección da escola foi cualificado como “un valor engadido”, xa que elas mesmas exerceron tamén como referentes.

Charlas para as familias

O programa de Oracle4Girls, que contou tamén coa colaboración de atlanTTic, incluíu, ademais, espazos de diálogo para os familiares co fin de involucrar a toda a familia no proceso educativo e de inspiración. Leváronse a cabo no salón de graos e incluíron dúas charlas, unha sobre onde está e para que se usa a información cando vai para a nube e, outra, sobre seguridade nos dispositivos móbiles.

Fonte: DUVI e Faro de Vigo