‘The Mind Guardian’ facilita que calquera persoa realice unha autoavaliación rápida no propia casa
Samsung España anunciou este martes nun acto celebrado en Madrid o lanzamento de The Mind Guardian1, unha innovadora aplicación gamificada baseada en intelixencia artificial, que presenta unha proba de autoavaliación de memoria para o cribado a gran escala de signos de deterioración cognitiva, un síntoma común nas fases temperás de enfermidades como o Alzheimer. Detrás deste avance atópase un equipo de investigadores do Centro de Investigación de Tecnoloxías da Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, encabezado polos catedráticos Luis Anido e Manuel Fernández Iglesias, principais cabezas visibles dun traballo multidisciplinar que vén fraguándose desde hai máis de 10 anos desenvolto por un equipo humano altamente especializado, que uniu esforzos no ámbito da tecnoloxía, a saúde e a investigación para avanzar na detección temperá do deterioro cognitivo.
Este avance supón un fito no ámbito da saúde e a tecnoloxía aplicada para romper barreiras, facilitando a detección precoz de demencias como o Alzheimer, unha enfermidade que só en España alcanza a 800.000 persoas.
VIGO, 260225. THE MIND GUARDIAN
Gratuíto, accesible e cunha precisión do 97%
Este videoxogo, cunha precisión do 97% preséntase como unha ferramenta autoadministrable, gratuíta e accesible, deseñada especificamente para persoas de idade superior a 55 anos sen síntomas evidentes de deterioración cognitiva. O seu aspecto máis innovador é a combinación de tres elementos científico-tecnolóxicos: a gamificación de probas de memoria convencionais para a detección da deterioración cognitiva usados en contornas sociosanitarias e a análise baseada en intelixencia artificial e aprendizaxe automática (machine learning), cumprindo os criterios de validez psicométrica na construción dos tests dixitalizados.
A principal misión de The Mind Guardian é ofrecer un apoio tanxible tanto ás persoas afectadas como ás súas familias e coidadores, considerando a detección temperá como un vector de mellora significativa na calidade de vida facilitando intervencións máis efectivas desde as etapas iniciais da enfermidade. O seu gran valor radica pois na capacidade de detectar de maneira precoz os primeiros signos de deterioración cognitiva que poden ser orixe de enfermidades como o Alzheimer, o que pode contribuír a aumentar a calidade de vida ata en 10 anos e reducir os efectos das demencias ata nun 40%.
Un proxecto que arranca hai máis de 10 anos
O proxecto de investigación que fixo posible o desenvolvemento de The Mind Guardian remóntase a 2014, coa creación dun grupo de investigadores multidisciplinar dos ámbitos tecnolóxico e sociosanitario nas universidades de Vigo e de Santiago de Compostela para a combinación de técnicas de gamificación e intelixencia artificial, con criterios de validez psicométrica, como instrumento de cribado de deterioración cognitiva. A resultas dos seus avances, o Grupo de Enxeñería de Sistemas Telemáticos de atlanTTic encargouse dunha batería de seis videoxogos para avaliar a memoria episódica, executiva, memoria de traballo, memoria semántica, memoria procedemental e atención; cada un deles baseado nun test convencional usados en contornas sociosanitarias.
Probas piloto en centros de día, asociacións…
Entre 2016 e 2023 leváronse a cabo diferentes probas piloto con esta batería de videoxogos en diferentes centros de día, asociacións de persoas maiores e entidades vinculadas co tratamento das demencias, como a Asociación galega de familiares con Alzhéimer, Afaga. Os resultados máis recentes cobren 152 usuarios con valores de validación cruzada que alcanzan o 97% en precisión (accuracy) e confirman a usabilidade e aceptabilidade do instrumento por parte das persoas participantes.
Como consecuencia do proceso de adestramento dos algoritmos de aprendizaxe automática e as avaliacións realizadas a persoas maiores ao longo do proxecto, identificouse que era suficiente enfocarse na memoria episódica, semántica e procedemental para concluír uns resultados estatisticamente significativos para identificar a unha persoa como sa, con deterioración cognitiva leve ou con demencia nun proceso de cribado. Adicionalmente, levouse a cabo a validación de usabilidade no marco dun proxecto europeo, con 150 persoas adicionais en diferentes países utilizando o Technology Acceptance Model (TAM). Este traballo de investigación culminou nunha tese de doutoramento defendida na Universidade de Vigo, así como en diferentes publicacións en revistas científicas de alto nivel.
A UVigo é a titular dos dereitos
En 2022, Samsung Iberia e a Universidade de Vigo comezan a explorar a posibilidade de ofrecer estas probas en formato de aplicación gratuíta para autoavaliación en ámbito domiciliario e facilitar así un cribado inicial a grande escala para, finalmente, asinar en 2024 un convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e Samsung Iberia para impulsar o desenvolvemento e posta ao dispor de The Mind Guardian, de cuxos dereitos é titular a Universidade de Vigo.
O proxecto levouse a cabo tamén coa colaboración desde o ámbito clínico do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, a axencia Cheil Spain como titular da aplicación e a súa distribución os usuarios finais, e Innatial Developers S.L., firma galega experta en integración de sistemas Android.
Samsung, como socio tecnolóxico, xogou un papel crucial, achegando os recursos necesarios para escalar o proxecto desde o ámbito académico ata a súa transformación nunha aplicación, cun especial foco no deseño e usabilidade para optimizar a experiencia de usuario garantindo que a aplicación sexa intuitiva e funcional para o seu uso polo público obxectivo e nunha contorna autoxestionada.
“Enfocámonos no desenvolvemento dunha batería de ‘serious games’ para a detección temperá da deterioración cognitiva, integrando técnicas de gamificación e IA longamente experimentadas no centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo. Grazas a un equipo multidisciplinario de investigadores, exploramos a combinación de videoxogos e machine learning para avaliar distintos tipos de memoria e detectar sinais de deterioración cognitiva leve. O noso traballo centrouse na incorporación de algoritmos de IA desenvolvidos previamente en atlanTTic na app de The Mind Guardian e que mostraran un nivel de exactitude do 97,1%, o que demostra o enorme potencial da tecnoloxía para a detección temperá de deterioración cognitiva en masa; algo moi custoso en tempo e recursos mediante as técnicas actuais de cribado”, asevera Luis Anido, catedrático de Enxeñería Telemática e investigador especializado en tecnoloxía aplicada á saúde e intelixencia artificial de atlanTTic.
Fonte: Duvi, Faro de Vigo, El País, El Mundo