Arranca a conta atrás para as III Olimpíadas Teleco

O curso pasado participaron nesta iniciativa 300 estudantes de ESO, FP e bacharelato de toda Galicia

Tras o éxito acadado nas dúas primeiras edicións, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación abriu xa o prazo de inscrición para as que serán as III Olimpíadas Teleco, unha cita que en 2024 trouxo ata a escola viguesa 300 estudantes de ensino medio de toda Galicia que tiveron neste evento o seu primeiro contacto ‘profesional’ co mundo das telecomunicacións, a cultura científica, a investigación tecnolóxica e a innovación.

Impulsadas por 20 escolas de enxeñaría de telecomunicación de toda España e o Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación (COITT), as Olímpíadas de Teleco buscan promocionar estes estudos entre a mocidade preuniversitaria amosándolle como as telecomunicacións están presentes no día a día das persoas e como poden axudar a  mellorar a súa calidade de vida. Cada ano a competición céntrase nun dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ou ODS e este ano foi seleccionado o ODS 7: Enerxía alcanzable e non contaminante, o que implica que as alumnas e alumnos deberán propor proxectos que reflictan como estas tecnoloxías poder contribuír a garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna.

En equipos de ata seis persoas, o alumnado de Ensino Secundario Obrigatorio, Formación Profesional e bacharelato terá que crear un prototipo empregando kits de placas programables compatibles co IDE de Arduino, cun obxectivo principal: que as telecomunicación estean ben integradas no desenvolvemento das propostas, é dicir, que quede claramente demostrado como o seu uso axuda á consecución do ODS elixido.

A final galega, en abril, e a nacional, en maio

A final galega será no mes de abril na escola viguesa e nela os equipos participantes deberán expor e defender os seus proxectos ante un xurado composto por persoal docente e investigador, profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da enxeñaría de telecomunicación e polas entidades patrocinadoras.

Os mellores proxectos levarán diversos premios en metálico, grazas ás entidades patrocinadoras Indra, BorgWarner e Televes, ás que este ano se suma tamén a Cátedra Oesía, o que permitirá ampliar os galardóns da fase local de 3900 euros a 5200 €.

Esta inclusión fai posible o desdobre nesta fase local dos premios correspondentes á categoría de ESO por equipos. En concreto, haberá 1º, 2º e 3º premios para os equipos de 1º e 2º da ESO e outro tanto para os equipos de 3º e 4º da ESO. En cada categoría (1º e 2º ESO, 3º e 4º ESO, Bacharelato por equipos e FP por equipos) haberá un 1º premio de 400 euros ao centro educativo e 400 euros ao equipo; un 2º premio de 300 euros ao equipo, e un 3º premio de 200 euros tamén ao equipo.

A maiores os equipos gañadores pasarán á final nacional, que se celebrará en maio. 

Inscricións ata o 6 de decembro e visita á escola o 17 de xaneiro

Os institutos poden inscribirse ata o 6 de decembro, permitíndose a participación de máis dun equipo por centro. Ademais da experiencia e da posibilidade de levar distintos premios, todos os centros inscritos recibirán un kit de placas programables compatibles co IDE de Arduino cun valor estimado en torno aos 75 euros e todos terán tamén a posibilidade de participar na xornada de inauguración das olimpíadas, prevista para o vindeiro de 17 de xaneiro, e coñecer máis de preto  a escola, clasificada entre as 300 mellores do mundo segundo o ránking de Shanghai.

Fonte: DUVI