Preséntanse múltiples prototipos e solucións para problemas relacionados co ODS 3: saúde e benestar
Preto de 300 estudantes de medio cento de institutos de ensino secundario de toda Galicia participaron entre o xoves 25 e sábado 27 de abril na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na II Olimpíada Nacional de Teleco, unha cita na que se reta ás alumnas e alumnos de Ensino Secundario Obrigatorio, Bacharelato e Formación Profesional a pór a proba o seu enxeño tecnolóxico deseñando prototipos e solucións creativas cos que poder axudar a resolver algúns dos problemas aos que se enfronta a sociedade actual, neste caso vinculados co ODS 3 da Axenda 2030: saúde e benestar.
Nesta primeira xornada da competición participaron 172 estudantes de ESO de 23 centros educativos de toda Galicia, o venres fixérono 109 estudantes de FP e Bacharelato e o sábado, xa a nivel individual, cinco estudantes de 2º de bacharelato.
Divididos en equipos, foron presentando os seus proxectos, primeiro ante o xurado e, posteriormente, ante o público nos diferentes postos instalados nos corredores da escola. En ambos casos, público especializado e comunidade universitaria en xeral, non deixaron de amosar a súa sorpresa pola calidade, creatividade e innovación da maior parte dos proxectos que agora, tras varios meses de intenso traballo nos institutos, saen a relucir.
Tecnoloxía variada coa que gañar saúde e benestar
Á súa chegada á escola déronlles a benvida a directora do centro Rebeca Díaz e parte do seu equipo, así como representantes das empresas Indra, R, BorgWarner e Televés, entidades patrocinadoras dos premios nas diferentes categorías e membros da rede #conexionTeleco. Os exemplos dos traballos que se foron presentando son múltiples. Desde o CPI Luis Díaz Moreno de Baralla en Lugo amosaron a súa particular ecoClase, “unha aula na que cando a temperatura sexa elevada se encenda de maneira automática un ventilador ou que, cando alguén se sinta mal, poida premer un botón que avisa directamente á enfermaría”. Pola súa banda, o equipo do colexio San Miguel 2 de Vigo, explicou con entusiasmo en que consiste o seu pastilleiro electrónico, “un proxecto co que queremos mellorar a vida das persoas maiores e dependentes”.
No caso dun equipo de alumnas do colexio plurilingüe María Auxiliadora Salesianos Ourense deseñaron o que denominaron un VentilaGym, “un sistema de ventilación para espazos pechados aplicado, neste caso, a un ximnasio”. Desde o IES Rosais de Vigo optaron por deseñar unha aula dotada de diferente equipamento técnico, “incluído un medidor de CO2, outro de humidade e outro de temperatura e, dependendo de si está ou non dentro dos valores que nós escollemos, abriranse as ventás ou prenderanse os ventiladores”. Son só algún dos exemplos dos múltiples traballos que se foron presentando ao longo destes días.
4800 euros en premios financiados por empresas de conexionTeleco
Tras as presentacións, cada xornada rematou coa entrega de premios correspondentes a cada categoría de estudantado: 400 euros para o equipo coa mellor solución técnica e outros 400 € para o seu instituto, 300 € para o equipo coa proposta máis orixinal e 200 € para o grupo que presente a solución tecnolóxica máis aliñada co ODS 3. No caso dos premios individuais para alumnado de 2º de Bacharelato, houbo un primeiro premio de 400 €, un segundo de 300 € e un terceiro de 200€.
O financiamento destes premios chega da man de 4 das empresas de conexionTeleco, a rede de compañías que colaboran de xeito habitual coa escola. Nesta caso trátase da Cátedra Indra, Cátedra R, BorgWarner e Televés. “Elas son as que nos axudan coa compra do material para os equipos que participan na competición e, a maiores, dan os premios da fase galega”, explica a directora da escola.
A primeira mañá rematou coa entrega de premios na categoría de equipos de ESO, patrocinada pola Cátedra Indra. O 1º premio (mellor proposta técnica) foi para o proxecto Alerta Automática de Accidentes do @colegiomontecastelo, o 2º premio (proposta máis orixinal) foi para o Invernadoiro de Cultivo Hidropónico do IES Rosais e o 3º premio (proposta máis aliñada co ODS 3) foi para a ecoClase do CPI Luís Díaz Moreno (Baralla).
Na categoría de equipos de Bacharelato, patrocinada pola Cátedra R, gañaron LixoAndGo do IES Isaac Díaz Pardo, SegurVigal do IES Rosais II e SmartGarden do IES de Pastoriza.
Os premiados na categoría de equipos de FP, patrocinada pola empresa BorgWarner, foron os proxectos Pasos seguros de @cifpafarixa, MultiVacs do IES Monte da Vila e Telemedida e Monitorización de Parámetros de Sáude Online do @iesdavinarei
Finalmente, na categoría individual de Bacharelato, patrocinada por Televés, os gañadores foron Hugo Domínguez Conde do Colexio M. Peleteiro, Pablo Hermida Castro, tamén do Colexio M. Peleteiro e Candela Naya López do IES Isaac Díaz Pardo.
Final nacional o mes de maio en liña
As Olimpíadas Nacionais de Teleco puxéronse en marcha o curso pasado a nivel nacional da man de 20 escolas de enxeñería de telecomunicación de toda España -25 nesta edición- e do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación como unha iniciativa coa que contribuír a espertar vocacións científico-tecnolóxicas, promocionar os estudos de telecomunicación, a cultura científica, a tecnoloxía e a innovación.
Ao igual que na súa primeira edición, a II Olimpíada Nacional de Teleco desenvólvese en dúas fases: unha galega, a que se celebrou esta semana na EET da UVigo, e outra nacional, na que competirán os proxectos gañadores das distintas competicións locais. Será entre os días 7 e 14 do vindeiro mes de maio.
Fonte DUVI, Atlántico Diario e Faro de Vigo.