O alumnado da EET terá acceso a equipamento de última xeración grazas a unha doazón de Centum R&T

O novo equipamento lle permitirá traballar ao alumnado co mesmo material que están a empregar as empresas do sector.

Héctor Estévez, Manuel Reigosa e Rebeca Díaz cun dos equipos doados pola empresa

Este martes 3 de outubro de 2023 a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) recibiu da empresa tecnolóxica viguesa Centum Research and Technology -que forma parte da rede Conexión | Teleco– unha doazón de equipos de última xeración. Centum Research and Technology foi fundada no 2010 por persoas egresadas da EET e que a día de hoxe, instalada en Citexvi, conta xa cun cadro de persoal integrado por preto de medio cento de profesionais altamente cualificados cuxa principal tarefa é o deseño, desenvolvemento e comercialización de sistemas aeronáuticos de misión para os mercados de emerxencias, seguridade, defensa e aeroespacial.

A entrega do material, un sistema completo de radio definida por software valorado en 70.000 euros, formalizouse na sala de xuntas da escola e nela coincidiron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a directora da escola, Rebeca Díaz; o responsable da empresa, Héctor Estévez; a subdirectora de Infraestruturas da EET, Verónica Santalla, e a encargada de Recursos Humanos de Centum, Carmen Prego. Todos coincidiron en subliñar a gran vantaxe que suporá para o alumnado da escola poder contar con “sistemas de electrónica de comunicación moi avanzados baseados nas últimas tecnoloxías dispoñibles no mercado”.

Verónica Santalla, Héctor Estévez, Manuel Reigosa, Rebeca Díaz e Carmen Prego

Equipos de última xeración a disposición do alumnado

“Para nós como Universidade é un orgullo que un equipamento tan específico e tan na crista da ola coma estes estean deseñados aquí en Vigo por profesionais que se formaron nas nosas aulas”, subliñou Reigosa, quen aproveitou este acto para reivindicar, “unha vez máis”, as infinitas bondades da colaboración público-privada. “O obxectivo desta doazón é contribuír a seguir mellorando a ensinanza dos novos alumnos e alumnas”, subliñou Héctor Estévez, enfatizando así “a importancia de poder contribuír desde a perspectiva empresarial á mellora da docencia e da investigación que se leva a cabo nesta escola, achegando ás aulas o mesmo material co que se está a traballar na contorna real de fabricación de equipos de comunicacións de última xeración”.

Estreita relación da EET co tecido empresarial

Pola súa banda a directora da escola, Rebeca Díaz, agradeceu a doazón deste equipamento, “algo que non é habitual, especialmente no noso ámbito” e remarcou a estreita relación que mantén o centro co tecido empresarial. “A relación con CENTUM R&T é un exemplo: unha empresa do sector, fundada por persoas egresadas da EET e cun obxectivo social claro: dar soporte técnico en operativas de rescate de persoas, vixilancia de montes, comunicacións en situacións de emerxencia, etc., aplicando solucións de deseño propio que son consecuencia do labor de investigación e innovación da empresa”, explicou Díaz.

Estas estreitas relacións co tecido empresarial visualízanse, tal e como explicou a directora da escola, co programa conexiónTeleco, unha rede de empresas e centros tecnolóxicos que colaboran coa EET achegando actividades de interese para o estudantado, co-financiando actividades de divulgación e difusión de EET, así como formativas e, neste caso, “colaborando coa obtención de infraestruturas punteiras que poidamos utilizar nas materias das titulacións de grao e máster, e moi especialmente nos traballos fin de grao e fin de máster”.

Fonte DUVI.