Intelixencia artificial para loitar contra o crime e o terrorismo na rede. A Universidade de Vigo é un dos socios do proxecto europeo Uncover, Development of an efficient steganalysis framework for uncovering hidden data in digital media, un traballo posto en marcha co obxectivo de facilitarlle ás diferentes axencias europeas de seguridade (LEA) a detección de información oculta en datos de aparencia inocente como imaxes, vídeos, audios e arquivos de texto que circulan en calquera tipo de contorna dixital.
A iniciativa, financiada pola Comisión Europea con 6,9 millóns de euros dentro do programa Horizonte 2020, está coordinada pola Real Academia Militar de Bruxelas e suporá a colaboración dun consorcio integrado por 22 socios de nove países, entre eles, as principais axencias europeas de seguridade, institutos forenses e investigadores líderes neste campo que traballan en oito universidades e institutos de investigación, entre eles o Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións, GPSC, da agrupación estratéxica atlanTTic, e varias empresas.