O Máster Interuniversitario en Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica (MQIST) é unha alianza estratéxica das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo cara á oferta especializada de estudos de posgrao neste campo.

Estamos nos inicios da segunda revolución cuántica, que busca aproveitar o control sobre os fenómenos cuánticos logrado na dúas últimas décadas para crear tecnoloxías efectivas e revolucionarias en diferentes campos, particularmente na xestión da información. Esta nova ciencia vai xerar importantes oportunidades asociadas ás tecnoloxías de simulación, sensores, computación, comunicacións e criptografía. As aplicacións esperadas inclúen o manexo eficiente de conxuntos de datos masivos, a solución de problemas combinatorios exponenciais, o deseño por ordenador de moléculas e fármacos, a implementación de comunicacións incondicionalmente secretas e a xeración de claves seguras, ou a capacidade de medir cantidades físicas con moita maior precisión. A ciencia e tecnoloxía da información cuántica está chamada a ser un dos pilares das comunicacións E da computación futura.

O Máster Interuniversitario en Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica (MQIST) é unha alianza estratéxica das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo cara á oferta especializada de estudos de posgrao neste campo nas fronteiras da tecnoloxía, cun plantexamento científico rigoroso e extensivo que vai desde os principios científicos (física, matemáticas e computación) e culmina nos aspectos de aplicación en contornas e problemas industriais.

O máster ten 60 ECTS divididos de forma modular en dous semestres, cunha parte científica común e un amplo conxunto de materias optativas organizadas en tres áreas, información cuántica, computación cuántica e comunicacións cuánticas.

Por que estudar a titulación?

A misión do MQIST é a de formar una nova xeración de especialistas científicos e tecnólogos de alta cualificación na área da computación e o procesamento cuántico da información. A Unión Europea ven de declarar a tecnoloxía cuántica como unha prioridade científica e tecnolóxica co lanzamento do programa Quantum Flagship, para desenvolver a iniciativa cuántica europea. Empresas e grandes corporacións (Google, Amazon, Microsoft,…) tamén están a investir fortemente en laboratorios para acadar vantaxe nesta nova tecnoloxía. Este máster permite que persoas con formación de grao en ciencias, enxeñaría ou informática obteñan coñecementos avanzados para unha carreira profesional nesta área.

Os obxectivos do MQIST son:

  • Proporcionar unha formación especializada e avanzada en Ciencia e Tecnoloxías de Información cuántica que capacite aos estudantes para a súa incorporación a empresas tecnolóxicas e a grupos de investigación competitivos.
  • Proporcionar un coñecemento actualizado do estado de desenvolvemento dun campo que evoluciona cada día, así como dos seus actores principais.
  • Dar destrezas e habilidades nunha ou varias vertentes concretas das tecnoloxías cuánticas: computación, comunicacións, metroloxía, etc.
  • Introducir aos estudantes en temas de investigación que lles permita realizar unha tese de doutoramento.

A quen vai dirixido o máster?

O perfil de ingreso recomendado é o de titulados universitarios no ámbito das ciencias (principalmente Física pero tamén Química, Matemáticas, Nanociencia e Nanotecnoloxía e outras titulacións relacionadas) e da enxeñaría (principalmente Enxeñaría Informática e Enxeñaría de Telecomunicación, pero tamén Enxeñaría Industrial, Enxeñaría Aeroespacial, Enxeñaría Física e outras titulacións relacionadas).

Nun sentido máis concreto, son necesarios coñecementos no ámbito das Matemáticas (álxebra lineal, análise, probabilidade) e recomendables en programación básica.

Saídas profesionais e académicas

  • Científicos/as e enxeñeiros/as de computación cuántica.
  • Especialistas en comunicacións, redes e Internet cuánticas.
  • Especialistas en metroloxía, sensado e calibración con instrumentos cuánticos.
  • Especialistas en algoritmos cuánticos para finanzas, bioloxía, intelixencia artificial e optimización a gran escala.
  • Deseño e xestión de sistemas de información clásico-cuánticos.
  • Deseño e enxeñaría de ordenadores cuánticos.
  • Científicas/os e enxeñeiras/os en información cuántica.

Contorna profesional na que se sitúa

O avance en ciencia e tecnoloxía cuántica é unha das áreas nas que a Unión Europea concentra esforzos para ser líder e axudar á creación de novas empresas fortemente competitivas en comunicacións, computación e medida. Dentro do espazo europeo, empresas como Airbus Defence and Space, Alcatel Lucent, ASML, Bosch, IBM, Nokia, IMEC, Safran, Siemens ou Thales teñen grande interese na información cuántica, e máis pequenas empresas de alta tecnoloxía e2v, Gooch & Housego, ID Quantique, M Squared Lasers, Lux Quanta, Muquans, Single Quantum ou Toptica ocupan posicións destacadas nos seus mercados específicos. A medio e longo prazo, como predí a IEC, a aparición de empresas especializadas na creación de solucións concretas baseadas na computación e a información cuánticas vai ser consecuencia dun crecemento do mercado QIST dun 50% anual.

Empresas colaboradoras

  • atlanTTiC
  • GRADIANT
  • IGFAE
  • CITIC
  • CTAG
  • ATOS
  • CESGA

Contacto

Manuel Fernández Veiga
Coordinador do mestrado
teleco.mqist@uvigo.es

Escola de Enxeñaría de Telecomunicación
Campus Lagoas-Marcosende
36310 – Vigo (Pontevedra)