O grao ten como obxectivo formar profesionais á vangarda dos coñecementos tecnolóxicos e competencias profesionais, permitindo especializarse nunha das catro tecnoloxías básicas que substentan á sociedade interconectada e dixital: sistemas de telecomunicación, sistemas electrónicos, telemática, e son e imaxe. A sólida formación que se adquire proporciona a capacidade de adaptación a un sector en continua evolución.

Este grao habilita para o exercicio da profesión regulada de Enxeñería Técnica en Telecomunicación. Estas profesións son aquelas nas que, para o seu exercicio, hai que cumprir unha condición especial que, xeralmente, é estar en posesión dun determinado título académico. A nosa profesión ten competencias legais específicas e conta cun Colexio Profesional.

Aparte da formación tecnolóxica, este programa tamén aprende a xestionar proxectos e outras competencias transversais. A titulación inclúe máis dun 50% de formación práctica, entre laboratorio e traballos en equipo. Destaca a configuración temporal do plan de estudos, que facilita a mobilidade nacional e internacional do estudantado no último curso ou a realización de prácticas en empresas.

Entre as características propias do grao cóntase con:

  • Programa de mentorización (MEET-Teleco) que proporciona competencias transversais (xestión de grupos, planificación de tempo, empatía, intelixencia emocional e social, liderado etc.) ademáis de axudar ao novo alumnado na  incorporación á Universidade; 
  • Programa de orientación ao emprego (OrientaTE) que facilita o acceso ao mercado laboral nunha titulación na que o paro é testemuñal;
  • Múltiples actividades que permiten ao estudantado desenvolver habilidades sociais á par que asentan os coñecementos técnicos.

O noso grao foi seleccionado para participar no Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia Ultreia 2020, no que se recolle un conxunto de accións que teñen como obxectivo que as universidades galegas dean un salto de calidade.

Ao abeiro deste plan ofértase un itinerario en inglés (BTTE) para que, os e as  estudantes que o desexen, podan cursar nesta lingua ata o 80% dos créditos da titulación.

Actualmente ofértanse as seguintes prazas de novo ingreso:

EN INGLÉS

20

PRAZAS

EN GALEGO / CASTELÁN

115

PRAZAS

PARS

15

PRAZAS

Unha profesión con recoñecemento e alta demanda…

As persoas que traballan neste sector gozan de alta demanda no mundo empresarial e son recoñecidas internacionalmente. De feito, os egresados e egresadas desta titulación teñen unha alta inserción laboral, con dedicación a labores técnicos axustados á súa formación. Son profesionais expertos/as no deseño, análise, implementación, explotación e xestión de compoñentes e procesos no ámbito das TIC.

… e para ser TELECO só tes que ter:

  • Formación previa que permita acceder a coñecementos avanzados en matemáticas e física
  • Capacidade de estudo
  • Vontade de traballo
  • Facilidade para o pensamento lóxico e abstracto
  • Capacidade de observación e de análise
  • Habilidade para a resolución de problemas
  • Interese pola aplicación práctica dos coñecementos
  • Responsabilidade no traballo en equipo
  • Facilidade para adaptarse aos cambios tecnolóxicos e
  • Interese pola ciencia e a tecnoloxía.

O grao de Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación da UVIGO capacita para o exercicio da profesión de Enxeñería Técnica de Telecomunicación na especialidade cursada (Sistemas de Telecomunicación, Sistemas Electrónicos, Telemática, e Son e Imaxe).

Actualmente, a profesión de Enxeñería Técnica de Telecomunicación atópase en cotas de plena ocupación e as persoas profesionais son das máis demandadas no ámbito tecnolóxico e con máis perspectivas de futuro.

Algúns dos campos relacionados coas saídas profesionais deste grao son:

  • Deseño e implantación de sistemas de telecomunicación
  • Deseño e implantación de sistemas audiovisuais
  • Robótica e internet das cousas
  • Cidades intelixentes (smart cities)
  • Seguridade informática
  • Cadea de bloques ( blockchain)
  • Intelixencia artificial
  • Industria 4.0
  • Macrodatos (big data)
  • Aplicacións aeroespaciais
  • Consultoría de empresas tecnolóxicas
  • Deseño de aplicacións de software e multimedia
  • Xestión de proxectos tecnolóxicos
  • Exercicio libre da profesión (proxectos,  peritaciones, instalacións, etc.)

Impártense as catro especialidades profesionais que conducen ás atribucións profesionais de Enxeñaría Técnica de Telecomunicación:

  • Sistemas de Telecomunicación
  • Sistemas Electrónicos
  • Son e Imaxe
  • Telemática. 

Para información máis detallada, accede aquí.