En España, segundo a UNESCO, só un 30% de mulleres decide matricularse en carreiras STEM, unha porcentaxe que acada o 34% no conxunto de Europa. Mulleres, que segundo se pon de manifesto na análise Científicas en cifras 2025, consideran nunha porcentaxe do 17% que aínda existen discriminacións por razón de xénero na ciencia, algo que, non obstante, só percibe o 4% dos homes do sector. Reverter estas e outras moitas cifras que evidencian as desigualdades e a falta de paridade no ámbito científico, nomeadamente no das disciplinas STEM, non semella doado, de aí a relevancia das actividades que neste 11F, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, se organizan co obxectivo de poñer en valor o papel das científicas e para fomentar as vocacións STEM entre as nenas.
Un ano máis a UVigo súmase á celebración do 11F cun completo programa de actividades que este mércores trouxeron ao campus de Vigo máis de 200 mozas e mozos de 3º e 4º da ESO dos IES de Coruxo, Politécnico de Vigo, O Castro e Álvaro Cunqueiro que participaron nun completo programa de obradoiros organizados polas escolas de enxeñaría de Telecomunicación, Minas e Enerxía e Industriais; as facultades de Filoloxía e Tradución e Ciencias Xurídicas e do Traballo, así como polos centros de investigación CINBIO, Cintecx e CIM, co apoio da Unidade de Igualdade e da Unidade de Cultura Científica e da Innovación, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Coa novidade da visita do alumnado masculino ás facultades máis feminizadas do campus, mentres as rapazas seguiron achegándose a ámbitos tradicionalmente máis masculinazados, o 11F comezou ás 9.30 da mañá coa chegada do alumnado ao campus vigués, onde permaneceron ata o mediodía.
Unha vintena de obradoiros por todo o campus
Específicamente, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación foi escenario da celebración de dous obradoiros: Detectives de imaxes, a cargo de Elena Rodríguez, no que 33 alumnas do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo visitaron os nosos laboratorios, e recibiron unha pequena introdución ao mundo da análise forense de imaxes para coñecer a detección de manipulacións e xerar as súas propias edicións; e Robótica con CuteBot, con Laura Pardo, no que as participantes achegáronse ao mundo da programación a través dos bloques de programación gráfica de CuteBot, un robot con placa micro:bit.
Fonte: Duvi
























