Premiados os mellores expedientes de novo ingreso na EET no curso 2025-2026

Patrocinados por tres empresas de conexionTeleco: BorgWarner, Indra e Technica Engineering

Buscar canteira entre o alumnado preuniversitario, sementar nelas e neles o interese pola enxeñaría, e premiar o novo talento que acaba de arrancar a súa traxectoria na escola. 0 16 de xaneiro non foi un venres calquera na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, foi unha data especial, unha cita que xa comeza a consolidarse no calendario do centro e no que coincide a entrega de premios aos tres mellores expedientes de entrada na escola co acto de presentación das olimpíadas de Teleco, neste caso as IV Teleco Games, un evento que cada ano trae ao centro a arredor de 250 estudantes preuniversitarios de toda Galicia. 

Tres novos talentos con moito futuro no mundo das TIC

Os premios aos tres mellores expedientes recaeron este curso en Hugo Alonso Taboada, Diego Gómez Fernández e Martiño Rivo Bugallo, tres alumnos con traxectorias brillantes aos que o centro, apoiado polas empresas da rede conexionTeleco, quixo facerlles “un pequeno agarimo por todo o esforzo que levan realizado”, tal e como salientou na entrega do premio a directora da escola, Rebeca P. Díaz, quen explicou que cada premio está dotado con 2.000 euros, contías achegadas polas empresas BorgWarner, Indra e Technica Engineering.

Satisfeitos polo recoñecemento, os tres alumnos premiados valoraron moi positivamente esta iniciativa. Ningún dos tres tiña claro cando arrancaron os seus estudos de bacharelato que titulación universitaria elixirían, pero a día de hoxe, logo de varios meses na escola e a piques de rematar os exames do primeiro cuadrimestre, están moi satisfeitos, coa elección feita. 

Hugo Alonso, recibiu o premio Cátedra BorgWarner, de mans de Telmo Calle, director do Centro Técnico Español para Electrónica de BorgWarner; Diego Gómez, da man de Ruth Escarda, directora do Centro de Excelencia de Defensa e Aeroespacial de Indra Vigo, e Martiño Rivo, de David Román, office manager en Technica Engineering Spain. Todos lles desexaron “boa sorte” nas súas traxectorias e os felicitaron por ter elixido unha profesión “apaixonante”.

Martiño Rivo, de Santiago, admite que empezou bacharelato con intención de estudar Física, e non foi ata ben empezado segundo, cando “decidín cambiar por Teleco”. No caso de Hugo Alonso, de Vigo, tiña claro que quería estudar algo relacionado “coas novas tecnoloxías, que son o futuro”, polo que dubidou entre diferentes titulacións case ata o último segundo. Pola súa banda, Diego Gómez, do Carballiño, foi facendo bacharelato cando se decatou de que as materias que máis lle gustaban eran matemáticas e física, “polo que decidín aproveitar as miñas oportunidades e, nese senso, penso que Enxeñaría de Telecomunicación aproveita moi ben as miñas competencias”.

Fonte: Duvi