A estudante da EET Lorena González Castro logra o premio á mellor tese de doutoramento relacionada coa Axenda 2030

A tese foi dirixida polo docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic Martín López Nores

9000 euros en premios para as mellores teses de doutoramento, Traballos Fin de Máster e Traballos Fin de Grao relacionados coa Axenda 2030, a Cooperación ao Desenvolvemento e a Responsabilidade Social.

A Universidade de Vigo deu a coñecer nas últimas semanas as gañadoras e gañadores duns galardóns cos que a institución premia o compromiso das alumnas e alumnos que decidiron centrar nestas temáticas os seus traballos de fin de estudos, 18 investigacións coas que o alumnado máis comprometido co desenvolvemento sostible quere achegar o seu pequeno gran de area na difícil tarefa de construír un mundo máis xusto.

Na categoría de teses de doutoramento,  o xurado outorgou a máxima puntuación (100 puntos), á investigación Explotación dos datos sanitarios xerados de maneira rutineira a través de sistemas intelixentes para mellorar a toma de decisións clínicas para os superviventes de cancro, realizada por Lorena González Castro e dirixida polo docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic Martín López Nores.

O cancro constitúe unha das principais causas de morbilidade e mortalidade no mundo. Os avances en detección temperá e tratamento permitiron aumentar significativamente as taxas de supervivencia, pero tamén xeraron un novo desafío global: garantir unha atención integral, personalizada e sostible aos millóns de persoas que viven coas secuelas físicas, psicolóxicas e sociais da enfermidade. “Esta tese de doutoramento aborda este desafío desde unha perspectiva tecnolóxica, sanitaria e social, explorando como os datos clínicos xerados de forma rutineira nos sistemas sanitarios poden converterse nunha ferramenta estratéxica para mellorar a atención aos superviventes”, explica a autora, quen leva máis de dez anos dedicada á investigación en tecnoloxías de eSaúde baseadas en Intelixencia Artificial e datos. 

“A miña participación no proxecto europeo Persit, centrado no desenvolvemento dunha plataforma dixital para apoiar ás persoas superviventes de cancro, proporcionou o marco e definiu a principal liña de investigación da miña tese de doutoramento”, explica a investigadora, experta en tecnoloxías de IA xerativa, especialmente no deseño e desenvolvemento de asistentes virtuais. 

Fonte: Duvi.