Oracle4Girls: Enxeñaría de Telecomunicación recibirá este sábado a 80 nenas dispostas a converterse en ‘aprendices de tecnólogas’

Participarán en talleres nos que experimentar coa tecnoloxía e ver o seu impacto na vida cotiá

80 nenas de entre 4 e 16 anos chegadas de toda a provincia vivirán este sábado unha xornada especial na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Son as 80 cativas e mozas que conseguiron praza para participar nalgún dos talleres de Oracle4Girls, unha iniciativa da empresa Oracle que xa pasou por distintos puntos do país e que agora chega a Vigo disposta a seguir aumentando o interese das rapazas polas denominadas disciplinas STEM, é dicir, todas as relacionadas coa Ciencia, a Tecnoloxía, a Enxeñería e as Matemáticas. 

“Para nós é moi importante achegar as tecnoloxías dunha forma divertida e amena ás xeracións máis novas e nesta liña vimos traballando no centro desde hai uns anos”, explica a directora da escola Rebeca P. Díaz, quen desde o primeiro intre agradeceu a oportunidade que lles brindou Oracle de poder colaborar cunha actividade “tan exitosa”. Avalados por unha longa experiencia na organización deste tipo de talleres para alumnado infantil e xuvenil, na ETT puxéronse mans á obra desde o primeiro día, para o que contarán coa colaboración do centro de investigación atlanTTic. “Queremos contribuír activamente a que nenas e rapazas poidan experimentar a potencialidade das tecnoloxías de telecomunicación e ver de forma directa o impacto que teñen na vida cotiá”, recalca a responsable da escola viguesa.

Prazas cubertas en apenas uns días

A resposta da cidadanía non puido ser máis positiva e en poucos días cubríronse as prazas, sobre todo no grupo das idades máis temperás (4-6 anos e 7-9 anos), onde quedaron fóra moitas cativas interesadas en participar, polo que “se temos a oportunidade de participar en máis edicións intentaremos ampliar as prazas”, explica a directora. 

Os obradoiros da franxa de idade máis alta (13 a 16 anos) serán impartidos por rapazas que están estudando na EET, que se formaron no centro para poder guiar as dúas actividades que farán o sábado. “Para nós é un valor engadido, dado que poderán ser un referente para as nenas que asisten aos obradoiros”, apunta Díaz, ao tempo que destaca a “entrega e entusiasmo” destas estudantes, sen as que non se poderían levar a cabo actividades coma esta ou como os obradoiros Elas Fan TIC.

Sementando un futuro tecnolóxico máis igualitario

Con esta iniciativa, posta en marcha en 2017, a empresa Oracle busca intentar mellorar a presenza de mulleres nas titulacións STEM para que a longo prazo supoña un reflexo de equidade nas profesión relacionadas coa tecnoloxía. “Desde o noso punto de vista facer que as nenas e as rapazas se interesen desde moi novas por estas tecnoloxías pode axudar a que poidan considerar como unha opción, chegado o momento de iniciar a súa formación universitaria, os estudos de enxeñaría  en xeral, e os de enxeñaría de telecomunicación en particular”, remarca a directora da escola viguesa, quen agarda poder repetir esta experiencia pronto. 

O programa inclúe, ademais, espazos de diálogo para os familiares co fin de involucrar a toda a familia no proceso educativo e de inspiración. Serán no salón de graos de 10.30 a 12.30 horas e inclúen dúas charlas:

  • “Onde está e para que se usa a información cando vai para a nube”.
  • “Seguridade nos dispositivos móbiles”.

Fonte: DUVI