Gran éxito da edición número 25 do Foro Tecnolóxico de Emprego

51 empresas recrutan o talento tecnolóxico da Universidade de Vigo

Durante dous días o alumnado pode entrar en contacto con compañías de todos os eidos da enxeñaría

Prometía ser unha edición moi especial e semella que así será. A celebración do 25 aniversario do Foro Tecnolóxico de Emprego, que hoxe arrancou no campus de Vigo, consolida este evento como o máis importante deste tipo que se celebra en toda España e, en palabras do seu coordinador xeral, Iago Vázquez, “incluso en Europa”. Unha feira de emprego centrada no eido das enxeñarías impulsada integramente por e para estudantes na que participarán 51 compañías de todos os sectores tecnolóxicos, dez máis que o ano pasado.

Detrás desta iniciativa está un equipo de coordinación formado por 17 estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo (EE Industrial, EE de Telecomunicación e EE de Minas e Enxería) que, coa colaboración doutros 139 alumnos e alumnas, fixeron posible esta 25 edición. 

25 anos axudando a construír o futuro laboral

A cita arrancou este martes cun acto institucional na EE de Telecomunicación, na que Iago Vázquez, coordinador xeral do Foro Tecnolóxico de Emprego, salientaba que para o estudantado da UVigo este evento é “unha oportunidade única, na que poderán achegarse a empresas co obxectivo de construír as súas carreiras profesionais e dar o primeiro paso cara o seu futuro laboral”. Vázquez puxo en valor a importancia da colaboración entre a Universidade e o tecido empresarial e eventos coma este “fortalecen eses lazos, brindando un espazo no que a innovación e o talento novo se atopan”. En nome da organización, agradeceu a colaboración de todas as empresas, o seu apoio continuo e o seu recoñecemento do potencial dos estudantes, “a súa implicación é clave para o futuro desenvolvemento da enxeñaría e a tecnoloxía”. 

Pero Iago Vázquez non foi o único coordinador xeral do foro que tomou a palabra no evento, xa que ao seu carón estivo Patricia Leal, organizadora do primeiro Foro Tecnolóxico de Emprego en 2001 e actualmente Global Head of Social Services at Minsait, en Indra. Como non podía ser doutro xeito, amosábase “súper emocionada” ao comprobar que unha iniciativa que nacía nas aulas da UVigo hai un cuarto de século segue adiante, e máis forte ca nunca. “Naquel intre, os coordinadores poñíamos todas as nosas ilusións para que este evento organizado por estudantes e para estudantes, chegase a estes 25 anos” e lembraba como naquela edición inicial as empresas de Madrid se sorprendían de que houbese enxeñarías en Vigo. “Hoxe, co valor do estudantado e da xente da UVigo demostramos o que somos quen de facer, ata o punto de que as enxeñarías da nosa Universidade son internacionalmente coñecidas”. Agradeceu a todos os equipos de organización o ter mantido “a chama do foro viva, non podo estar máis orgullosa da miña Universidade, da calidade humana e profesional dos enxeñeiros e enxeñeiras que aquí se forman”.

Pola súa banda, o reitor, Manuel Reigosa, ademais de agradecer o traballo do alumnado e a implicación das empresas, salientou a importancia das novas xeracións de profesionais para construír unha sociedade máis xusta. Para facelo, destacaba Reigosa, “precísase talento, que xa sabemos que o tedes; esforzo, que tamén o tedes, porque unha titulación nunha universidade pública non se regala; e visión, que agardo que a teñamos para crear unha Europa que poida ter unha voz no planeta”.

No acto de apertura tamén estiveron presentes a docente e concelleira Ana Mejías, en representación do Concello de Vigo e David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca. Ambos puxeron en valor a importancia da educación pública e da formación de calidade para contar con profesionais capacitados que lideren o futuro de Europa. “De vós nacerá e con vós consolidarase a reindustrialización e aposta pola innovación e tecnoloxía” no continente, destacaba Regades, mentres que Mejías recalcaba que “con constancia e perseveranza os estudantes que impulsastes o foro ao longo do tempo “contribuístes ao desenvolvemento económico e industrial da nosa cidade”.

Xunto con eles, asistiron tamén a este acto os representantes das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo, en concreto Elena Alonso, directora da EE de Minas e Enerxía; José Fariña, director da EE Industrial; Pedro Rodríguez, subdirector de Difusión e Captación da EE de Telecomunicación, que felicitaron ao alumnado por manter viva e en constante crecemento esta iniciativa.

Rodríguez lembrou como, hai 25 anos, a delegación presentoulle á dirección da EET aquel proxecto inicial, que o centro decidiu apoiar. E sinalou que as traxectorias posteriores do estudantado que participa en actividades como o Foro mostra o valor que as mesmas teñen dentro da súa aprendizaxe.

Dúas xornadas de feira, obradoiros e conferencias

Dende primeira hora da mañá e ata última hora do mércores, as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Enxeñería Industrial e de Enxeñaría de Minas e Enerxía acollen relatorios e mesas redondas, pero sobre todo obradoiros e dúas sesións de speed recruiting, unha dinámica de entrevistas curtas con representantes de empresas, que adoita ser unha das actividades que ten máis éxito entre o alumnado. Con todo, o eixe central do foro é a feira de emprego con 51 postos doutras tantas compañías, dende grandes multinacionais e empresas estranxeiras ata firmas galegas e da área metropolitana de Vigo, “un récord histórico do foro”. Entre as empresas presentes, que buscan captar talento na UVigo están Borgwarner, Applus, Egatel, Finsa, Gradiant, Oesía, Indra, KPMG, Marine Instruments, Norvento, Optare Solutions, Ceaga, Coren, Profand, Marine Instruments, Televés ou a spin-off da UVigo Alén Space.

O reto: superar os 1200 participantes e 300 currículos de 2024

Unha das novidades desta edición de aniversario é a extensión a todos os campus da UVigo, polo que por primeira vez o Foro Tecnolóxico de Emprego conta coa asistencia de estudantes de Ourense e Pontevedra, procedentes das escolas de Enxeñaría Informática, Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Enxeñaría Agraria e Enxeñaría Forestal. Por este motivo, apostouse por buscar a implicación de empresas de todos os eidos da enxeñaría e as tecnoloxías, para que “todos os sectores estean cubertos”.

Se esta edición é de récord pola cantidade de empresas participantes, a organización agarda que tamén o sexa no que atinxe ao alumnado. O obxectivo é superar as cifras do 2024, ano no que o Foro Tecnolóxico de Emprego contou con 1200 participantes e máis de 300 currículos entregados a empresas.

Pero botando a vista atrás, son uns cantos miles de mozos e mozas os que pasaron polas sucesivas edicións. Dende a primeira, en 2001, a asistencia foi crecendo e o evento consolidándose como unha cita esencial no calendario académico que sobreviviu a varias crisis e incluso a unha pandemia. Aínda que a organización non pode concretar cantos contratos profesionais se forxaron nesta feira, si que destacan que “arredor do 90% das práctica curriculares e extra-curriculares do alumnado saen do foro”.

Fonte: Duvi, Faro de Vigo e UVigo TV