Elas Fan TIC 2025 na EET

As alumnas representan o 20% do total da matrícula do centro e o obxectivo é incrementar esta cifra

Algo máis de medio cento de nenas e nenos vigueses visitaron este venres o campus para celebrar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación o Día Internacional da Muller e a Nena nas TIC, unha iniciativa de sensibilización impulsada pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) destinada a fomentar as vocacións tecnolóxicas nas nenas e mozas e a reducir a fenda dixital de xénero. A cita, que na UVigo se celebra baixo o lema Elas Fan TIC, acostuma a celebrarse o último xoves de abril, pero por motivos de calendario dos colexios e da propia escola nesta ocasión adiantouse a este venres.

Coordinados pola profesora Soledad Torres, enlace de Igualdade da escola, e patrocinados pola Cátedra Indra-Uvigo en enxeñaría e tecnoloxía,  as nenas e nenos de 5º e 6º de primaria do colexio Javier Sensat asistiron a dous talleres de programación e robótica dirixidos por alumnas e alumnos da escola, unha oportunidade para aprender a programar e para achegarse á robótica e, ao mesmo tempo, e sobre todo, tomar conciencia, desde ben pequenas e pequenos, de que a tecnoloxía non entende de xénero, que todas e todos poden chegar a desenvolver con éxito unha carreira no sector das TIC.

De impartir os talleres encargáronse un grupo de voluntarias e voluntarios da escola, con Laura Pardo á cabeza, estudante de último curso. “Estou encantada de poder colaborar con Soledad e coa directora da escola, Rebeca Díaz, na organización de todo este tipo de actividades”, explica a alumna. “No meu caso sempre tiven claro que quería estudar enxeñaría, na miña familia xa era unha titulación coñecida, ben Telecomunicación,  ben ciclos superiores relacionados, polo que non tiven dúbidas”, salienta, ao tempo que engade que, pese a que “elas” son minoría nas aulas nunca se sentiu en desvantaxe, “sempre tiven un apoio incondicional, tanto das miñas compañeiras como dos meus compañeiros”.

‘Elas’ son o 20% do alumnado da escola, o 25% en primeiro

Na actualidade as alumnas representan o 20% do total de alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, unha cifra que está en sintonía coas diferentes estatísticas que amosan o baixo interese das mulleres para optar por titulacións universitarias relacionadas coas TIC e, en consecuencia, tamén no mundo laboral.

Desde a escola viguesa levan anos loitando contra esta realidade, organizando múltiples actividades de sensibilización, abrindo as súas portas ao alumnado de ensino primario e secundario e facéndolles ver que Elas Fan TIC, lema da xornada deste venres,  ou que Elas Fan CienTec, título das celebradas o pasado día 11, por citar dous exemplos.

O traballo de sensibilización “empeza a dar os seus froitos”

Pinga a pinga, as cousas parecen que van cambiando, e este curso a porcentaxe de mulleres matriculadas en primeiro ascende ao 25% -37 de 143, incluíndo a titulación en español e en inglés-. Son catro puntos máis que o curso anterior – no 2023/2024 representaban o 21%- e cinco máis ca no curso previo -19% no curso 2022/2023-.

“Hai que seguir traballando, pondo en marcha accións de promoción da nosa titulación con perspectiva de xénero, isto é, enfocadas a visibilizar o papel das mulleres nas TIC e a que as mozas se interesen por este ámbito”, explica Soledad Torres, ao que engade que todos estes anos facendo promoción con perspectiva de xénero, aproveitando as datas sinaladas, parece que “empeza a dar os seus froitos”. 

Fonte: Duvi, Código Cero e La Voz de Galicia