Premio a 3 estudantes excelentes que elixiron Teleco

Foron tres dos mellores expedientes de Galicia na ABAU 2024, os tres con notas superiores ao 13, e os tres elixiron estudar o Grao en Enxeñaría de Telecomunicación na súa modalidade en inglés na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Andrea Rodríguez, Jorge López e Lucía Castrillo recibiron este venres os premios aos mellores expedientes de entrada nesta escola dotados con 2000 euros, contías achegas por tres das empresas que forman parte da rede de compañías ConexionTeleco: Borgwarner, Technica Engineering e a Cátedra R en Ciberseguridade.

A entrega dos galardóns coincidiu coa presentación da III Olimpíada Nacional Teleco (Teleco Games), unha iniciativa dirixida a espertar vocacións entre o alumnado preuniversitario e que este ano traerá á escola viguesa a 265 alumnas e alumnos de toda Galicia, moitos dos cales asistiron hoxe a esta presentación de xeito físico -o resto puido seguir o acto en liña- e para quen Andrea, Jorge e Lucía servirán de exemplo de novos talentos que elixen o mundo das tecnoloxías  de telecomunicación como eixe central do seu futuro profesional.

Tras unha pequena intervención por parte dos representantes das empresas, na que felicitaron ás e aos premiados polo seu talento e esforzo e os animaron a seguir traballando cara un futuro prometedor, cada estudante foi recollendo o seu diploma.

  • A primeira en facelo foi Andrea Rodríguez, que recolleu o premio de mans de Telmo Calle, director do Centro Técnico Español para Electrónica de BorgWarner.
  • A continuación, Jorge López recibiu o galardón da man de David Román, office manager en Technica Engineering Spain.
  • Y, por último, fíxoo Lucía Castrillo, gañadora do premio Cátedra R en Ciberseguridade, entregado por Alfredo Ramos, director territorial en Galicia de R. 

Unha vez recollidos os premios, Andrea, Lucía e Jorge tiveron que regresar ás aulas para continuar cunha xornada de exames moi importante para o alumnado do primeiro do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación.

Fonte: DUVI e Atlántico Diario