A EET galardoada co Premio Enxeño 2023

O galardón recolleuno a directora da EET, Rebeca Díaz, na gala da IV edición de ForoTelecos Galicia 2023.

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) da UVigo acaba de recibir o Premio Enxeño 2023, que recoñece a traxectora de profesionais e entidades no mundo das Telecomunicacións. A entrega do premio tivo lugar o pasado venres 26 de xaneiro na Coruña durante a celebración da IV edición de ForoTelecos Galicia 2023, onde acudiron máis dun cento de enxeñeiras e enxeñeiros de todo o territorio nacional, entre eles a directora da escola, Rebeca P. Díaz, que foi a encargada de recoller o galardón da EET.

Celebrado para visibilizar e pór en valor o traballo diario dos “telecos galegos” e potenciar a imaxe do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación de Galicia, COETTGA, o ForoTelecos Galicia 2023 serviu tamén para o potenciamento das redes de traballo conxunto, as presentacións e as reivindicacións do sector.

Xunto á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, recibiron cadanseu galardón, Gradiant, o Instituto Nacional de Ciberseguridade, así como os ex-xefes provinciais de inspección de telecomunicacións: Félix Canales, Salustiano Pérez, Perfecto Meixengo, Manuel Pereira e Xosé Lois González. O galardón ao enxeñeiro do ano foi para Santos Héctor Díaz, pola súa grande actividade laboral e traxectoria impecable, e o da Excelencia nas Telecomunicacións para Alfonso Juan Álvaro Villamarín, CEO de Cellnex Telecom España.

Entre outras autoridades contouse coa participación do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, quen destacou o papel das telecomunicacións como a principal ferramenta para a cohesión do territorio e para a súa conservación con garantías de calidade de vida e de igualdade de oportunidades, e tamén da secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, María González Veracruz, quen valorou o traballo exemplar dos enxeñeiros técnicos de telecomunicacións galegos e resaltou que “Galicia é un referente no sector das telecomunicacións e as novas tecnoloxías, tanto a nivel nacional como internacional”.