Presentación da 2ª edición das Olimpíadas de Teleco na EET

Duplícase, con máis de 400 inscritos, a participación respecto ao ano pasado.

Foto de familia

441 estudantes de 20 centros de ensino secundario de toda Galicia participarán os vindeiros 25, 26 e 27 de abril nas II Olimpíadas Teleco, unha iniciativa que se puxo en marcha o curso pasado a nivel nacional da man de 20 escolas de enxeñería de telecomunicación de toda España -25 nesta edición- e do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación. Así o anunciou o pasado xoves, 25 de xaneiro de 2024, a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, na presentación en Vigo da 2º edición das probas.

Dos máis de 400 estudantes inscritos, arredor de 120 participaron de xeito presencial na presentación, e outros tantos seguiron o acto en liña. Para moitos esta foi a súa primeira visita a un campus universitario, mentres que para outros esta será xa a súa segunda olimpíada. Se o ano pasado o reto fora deseñar e desenvolver prototipos e solucións baseadas na enxeñaría de telecomunicación aliñadas co ODS 11 da Axenda 2030 referido ás cidades e comunidades sostibles, este ano terán que centrarse no ODS 3: saúde e benestar.

Tras a recepción no salón de actos, o alumnado que asistiu de xeito presencial tivo a oportunidade de realizar un percorrido no que visitaron diferentes laboratorios.

Múltiples premios financiados por 4 empresas da rede conexiónTeleco

As actividades arrancaron o pasado xoves coa xornada de presentación, máis adiante haberá dúas sesións formativas en liña e as competicións celebraranse o 25 de abril, na categoría destinada ao alumnado de Ensino Secundario Obrigatorio; 26 de abril, para Formación Profesional e Bacharelato por equipos, e 27 de abril para bacharelato individual, “unha proba que consiste nun único exame”, explicou no acto a directora da escola, quen tamén aproveitou para agradecer a “forte implicación” que teñen neste proxecto as catro empresas patrocinadoras, “pertencentes as catro a nosa rede de empresas colaboradoras conexiónTeleco”, subliñou Diaz, referíndose neste caso a Cátedra Indra, Cátedra R, BorgWarner e Televés. “Elas son as que nos axudan coa compra do material para os equipos que participan na competición e, a maiores, dan os premios da fase galega”, explicoulles a directora da escola aos asistentes.

Ao igual que na primeira edición, a Olimpíada Nacional de Teleco desenvolverase en dúas fases: unha local, xestionada pola EET da UVigo, e outra nacional, na que competirán os mellores proxectos (gañadores) das competicións locais. Os premios que se repartirán en Vigo serán de 400 euros para o equipo coa mellor solución técnica e outros 400 euros para o instituto ao que pertenza, 300 euros para o equipo que teña a proposta máis orixinal e 200 euros para o equipo coa proposta máis aliñada co ODS 3. No caso dos premios individuais, novidade deste ano, haberá un primeiro premio de 400 euros, un segundo de 300 e un terceiro de 200.

Fonte DUVI.