A EET despide a X promoción de estudantes do GETT/BTTE e a VIII do MET

Graduáronse 61 estudantes da X Promoción do GETT/BTTE e 12 estudantes da VIII Promoción do MET.

O pasado venres 2 de xuño celebramos na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) o acto de graduación de 61 estudantes da X Promoción do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (GETT/BTTE) e de 12 estudantes da VIII Promoción do máster en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (MET).

Parabéns polo voso traballo, non podemos estar máis orgullosos de todos e cada un de vós, e felices de poder ter compartido esta etapa de formación. Agora toca vervos partir cara a un futuro que, temos a seguridade, estará cheo de oportunidades que saberedes aproveitar!

Grazas especiais por formar parte desta celebración a Jose Luis Míguez Tabarés, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade da Universidade de Vigo, Héctor Estévez, CEO de Centum, Iñaki Ulizar Alvarez, directivo de Indra, José Manuel Martínez, decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA), Julio Agrelo, decano do COIT AEIT Colegio Oficial y Asociación Española de Ingenieros de Telecomunicación en Galicia, e ao alcalde de Vigo Abel Caballero. E por suposto, tamén á Directora da Escola, Rebeca P. Díaz Redondo, aos padriños Alberto Gil Solla (por parte do GETT/BTTE) e Maria Dolores Valdes (por parte do MET); e aos representantes do alumnado María Boado Mallón e David Sueiro Durán por parte do GETT/BTTE e Aurora Paz Pérez e Camilo Piñón Blanco por parte do MET.

Grazas tamén a todos os que vos achegastes para celebrar con eles, e con nós, este momento tan especial.

Nas fotos, os nosos alumnos e alumnas locen moi elegantes co suadoiro que lles regalamos para que nos leven preto do seu corazón. É un deseño de Luis Davila e foi patrocinado por Indra. Agradecemos tamén a CENTUM research & technology o copatrocinio dos pinchos que tomamos ao acabar o acto.