O pasado mércores, 30 de marzo de 2022, Manuel Reigosa, reitor da UVigo; Julio Abalde, reitor da UDC e Alfredo Ramos, director de R, asinaron o convenio para a renovación da Cátedra R en Ciberseguridade, que manterá intactos os alicerces que a sustentan para promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e ampliar os coñecementos técnicos e as capacidades dos membros da comunidade universitaria e doutros profesionais. Un coñecemento, que como meta última da Cátedra, persegue adaptarse ás necesidades da empresa, fomentando a formación continúa, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade.
A nova etapa da Cátedra continuará a desenvolverse na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e na Facultade de Informática da UDC, colaborando en mestrados e outros programas de formación, potenciando liñas de investigación conxuntas e levando a cabo accións de innovación ou consultoría empresarial.
O reitor da Universidade de Vigo salientou a importancia de renovar “unha Cátedra pioneira centrada no desenvolvemento das capacidades do alumnado e en trasladar o coñecemento xerado no ámbito da ciberseguridade ás empresas, dándolle así resposta ás súas necesidades”. Logo de tres anos de colaboración, Manuel Reigosa, agradeceu “o traballo desenvolvido por todos os parceiros da Cátedra R, un exemplo de colaboración das universidades públicas, neste caso co operador R no eido da seguridade no universo dixital”, sinalou Reigosa.
Pola súa banda, o reitor da Universidade da Coruña resaltou que “hai tres anos se asinou este convenio de creación da Cátedra R de Ciberseguridade nun momento en que era importante empezar a desenvolver o coñecemento sobre ciberseguridade. Tres anos despois vemos que é imprescindible dispoñer de sistemas de seguridade que nos protexan”, dixo Julio Abalde.
O director de R, Alfredo Ramos considera “unha boísima nova a renovación desta Cátedra R en Ciberseguridade que vencella dúas grandes universidades galegas con R. Un acordo que xa hai tres anos marcou un antes e un despois na relación entre os centros universitarios e o sector das telecomunicacións galegas, e abriu un vieiro para traballar conxuntamente, institucións públicas e privadas, a prol da divulgación de coñecemento e experiencia sobre ciberseguridade, profundando nos seus riscos e ameazas, desafíos e solucións”.
Formar, investigar e divulgar
A Cátedra R seguirá nos ámbitos da formación e da divulgación colaborando como ata o de agora en mestrados e estudos de posgrao, programas de formación permanente, patrocinio de bolsas pre e pos doutorais, premios a proxectos fin de grao ou mestrado, conferencias, seminarios, promoción de prácticas curriculares e extracurriculares, plans de formación de empresas, etc. No campo da investigación, potenciaranse liñas conxuntas de traballo para desenvolver proxectos no ámbito galego, español e europeo; apoiaranse teses de doutoramento, así como encontros nacionais e internacionais de persoas expertas nas áreas de interese da ciberseguridade; ademais de impulsar a contratación de grupos das universidades de Vigo e A Coruña para accións de innovación ou consultoría especializada na empresa.
Podes ler a noticia completa, publicada no DUVI aquí.