José Luis Alba e o equipo do proxecto SignaMed, Premio Revelación do Fórum RIES21

José Luis Alba é docente da EET e investiga en atlanTTic. Co seu equipo creou SignaMed, a aplicación premiada que permite a busca de termos médicos en lingua de signos.

Captura de pantalla da app SignaMed, con José Luis Alba (na pantalla) utilizándoa.

José Luis Alba Castro é o gañador do Premio Revelación do Fórum RIES21, un encontro que reúne no Balneario de Mondariz os principais axentes do sector saúde do ámbito público e privado a nivel europeo.

Alba recibiu o premio polo proxecto SignaMed, unha aplicación para consultar termos médicos en lingua de signos desenvolta polo Grupo de Tecnoloxías Multimedia ao abeiro do proxecto Speech&Signs, un traballo posto en marcha co obxectivo de que as persoas xordas poidan consultar termos médicos e de saúde en Lingua de Signos Española (LSE), usando tanto texto como signos diante da cámara web.

A aplicación, que xa está operativa, ten a particularidade de que pode ir medrando coa colaboración das propias persoas signantes, que gravan signos ante a cámara para adestrar modelos de recoñecemento automático e axudar a derrubar barreiras comunicativas.