José Luis Alba Castro é o gañador do Premio Revelación do Fórum RIES21, un encontro que reúne no Balneario de Mondariz os principais axentes do sector saúde do ámbito público e privado a nivel europeo.
Alba recibiu o premio polo proxecto SignaMed, unha aplicación para consultar termos médicos en lingua de signos desenvolta polo Grupo de Tecnoloxías Multimedia ao abeiro do proxecto Speech&Signs, un traballo posto en marcha co obxectivo de que as persoas xordas poidan consultar termos médicos e de saúde en Lingua de Signos Española (LSE), usando tanto texto como signos diante da cámara web.
A aplicación, que xa está operativa, ten a particularidade de que pode ir medrando coa colaboración das propias persoas signantes, que gravan signos ante a cámara para adestrar modelos de recoñecemento automático e axudar a derrubar barreiras comunicativas.