Rebeca P. Díaz Redondo, docente da EET, coordina o proxecto “Identificación de comentarios sexistas nas redes sociais, mediante técnicas de IA”

O obxectivo principal desta investigación é identificar comentarios sexistas empregando intelixencia artificial nas redes sociais (RRSS).

De forma secundaria, este proxecto tamén procura xerar un “dataset” procedente das RRSS, investigar mellores técnicas PLN, seleccionar e adestrar modelos IA e avaliar os resultados da identificación automática de comentarios sexistas.

O proxecto foi concedido en agosto de 2021 pola Cátedra Feminismos 4.0 Depo-Uvigo. Nel tamén participa a docente da EET Ana Fernández Vilas e máis o doutor Mateo Ramos Merino e a doutora Sonia Valladares Rodríguez, ambas persoas egresadas da nosa Escola.

En base a este estudo as investigadoras pensan que poden conseguirse melloras en determinados ámbitos, tales como:

  • Dotar de ferramentas para a regulación semi-automática de comentarios sexistas
  • Estudar os perfís máis propensos a realizar este tipo de comentarios nas RRSS
  • Contribuír á elaboración de sistemas de detección de ciber-acoso ou semellantes
  • Identificación automática de conversas con este tipo de contidos que se poden volver virais
  • Creación de indicadores que amosen o grao xeral de comentarios sexistas
  • Soporte aos protocolos de identificación dunha vítima en risco real de violencia de xénero