Trátase dunha iniciativa da Universidade de Vigo impulsada pola Axencia Espacial Europea (ESA) e o grupo de traballo inclúe a profesores e investigadores de Enxeñaría de Telecomunicación con experiencia en comunicacións e criptografía cuánticas, con máis de 20 anos de percorrido investigador, con recoñecemento internacional como expertos e referentes no deseño e análise de seguridade destes sistemas. Pero tamén en fotónica integrada e espazo coa participaión en proxectos de I+D coa Axencia Especial Europea durante máis de 20 anos e participación en diversos proxectos do Programa Marco europeo en tecnoloxías de comunicación espacial.
O centro de investigación pretende ser un referente a nivel internacional no ámbito das comunicacións cuánticas, tanto en infraestruturas terreas como en espazo, co obxectivo de descubrir e desenvolver novas e poderosas aplicacións destas tecnoloxías que axudarán a impulsar as economías futuras. Axudará a fixar talento nun ámbito no que Europa e España deben situarse para competir cuns mercados previstos de miles de millóns de euros. Con este centro o proceso de transferencia á industria española verase acelerado incluíndo a creación de novas iniciativas empresariais, como polo tractor de empresas de alto valor engadido e mediante a creación de spin-off.