Alumnado da EET subcampións na final da segunda edición do hackathon HPE CDS Tech Challenge

Só cinco equipos, de 56, chegaron á final desta competición do grupo Hewlett Packard Enterprise.

Integrantes do equipo Os Zamburiñas: Javier Bilbao, Mateo Costa, Miguel Pastoriza, Pablo Cores e Nicolás Sousa

Alejandro Mateo Costa de Dios, Pablo Cores Lijó, Nicolás Sousa González, Javier Bilbao Lima e Miguel Pastoriza, son os 5 estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) da UVigo que integran o equipo Os Zamburiñas, que por segundo ano consecutivo, chegou á final do II HPE CDS Tech Challenge que se celebrou o pasado fin de semana (sábado 22 e domingo 23 de abril) nas oficinas de Hewlett Packard Enterprise España na localidade madrileña de Las Rozas. “Chegar por segundo ano consecutivo ás finais presenciais supón moito para nós. Primeiro, unha alegría por todos nós por podelo conseguir dous anos consecutivos. Ademais, é unha segunda oportunidade que temos para intentar demostrar o mellor de nós e facelo o mellor posible”, sinala Miguel Pastoriza, en representación dos integrantes do equipo.

Os Zamburiñas enfrontáronse a outros catro equipos que acadaron a final do programa de talento no que participaron 251 estudantes, distribuídos en 56 equipos de 27 universidades e centros de FP de toda España. “Tras as finais do ano pasado a nosa visión é moi distinta, a pesar de non gañar aprendemos moitas cousas e a experiencia vai ser un factor moi importante para nós e de seguro nos vai a axudar moito para afrontar a fase final”, dicía Miguel Pastoriza un par de días antes da final.

Xunto á UVigo, a Universidad de León, a Pontificia de Comillas, a de Castilla-La Mancha e a Europea de Madrid, que suman un total de 24 estudantes, foron os equipos que participaron na final do hackathon na que tiveron que presentar a mellor solución sostible para o planeta.

A final un hackathon de 25 horas ininterrompidas de programación

Os Zamburiñas, logo de 25 horas ininterrompidas de programación na final, acadou o segundo posto na competición, na que participaron, ao longo de seis meses, máis de 250 estudantes de toda España, amosando as súas habilidades tecnolóxicas para desenvolver solucións innovadoras coa sostibilidade no planeta como fío condutor. Para a EET é todo un orgullo este éxito logrado polo seu alumnado, unha mostra do bo traballo que levaron a cabo, e deséxalles moitos éxitos máis no futuro.

O equipo da Universidad Pontifica de Comillas proclamouse campión co deseño dun sistema intelixente de aproveitamento enerxético para reducir a pegada de carbono na xeración e transporte de enerxía, optimizando ao mesmo tempo, o equilibrio entre a ética e o custo na xeración do subministro. Entre os premios acadados polos e polas gañadoras, inclúese un programa de bolsas para traballar no grupo Hewlett Packard Enterprise, ao que se incorporaron como empregados 17 participantes na primeira edición do hackathon.

Na clausura da competición, Alfredo Yepez, presidente de Hewlett Packard Enterprise para Latinoamérica, Sur de Europa e España, asegurou que “esta segunda edición do HPE CDS Tech Challenge confirma o noso compromiso coas novas xeracións e o planeta. En HPE levamos décadas reimaxinando o futuro e innovando para mellorar a forma na que as persoas viven e traballan”. E Jairo Luzón, Manager en HPE CDS e impulsor de la iniciativa, resaltou que “os resultados acadados polos equipos superaron as nosas expectativas en canto a creatividade, eficiencia e sostibilidade. É realmente emocionante ver como ano tras ano os participantes do Tech Challenge de HPE CDS sorpréndennos co seu talento e o seu compromiso”.

Retos tecnolóxicos arredor da sostibilidade no planeta

A sostibilidade no planeta foi o tema elixido para a segunda edición do programa, no que o alumnado participante se enfrontou durante varios meses a unha serie de retos tecnolóxicos (probas orientadas á intelixencia artificial, desenvolvemento de software, algoritmia ou lóxica para construír solucións eficientes que melloren a forma na que viven as persoas), optando a diferentes premios, incluído un programa de bolsas para traballar no grupo Hewlett Packard Enterprise. Precisamente, serán os e as estudantes gañadores da competición os que se poderán incorporar á empresa, mediante contratación ou unha bolsa, mentres que a universidade gañadora tamén obterá unha subscrición anual ao Customer Technology Center Madrid de HPE. “Participar neste tipo de iniciativas sempre é moi gratificante e dá unha aprendizaxe á que non se pode chegar nas aulas. É unha maneira de desenvolvernos como enxeñeiros nun ámbito no que non estamos tan acostumados e todo o obtido e positivo para nós, tanto a nivel profesional ou académico como a nivel persoal”, asegura Pastoriza.

Nesta segunda edición a compañía confirmou o seu compromiso por contribuír á implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 de Nacións Unidas, apoiándose na plataforma HPE GreenLake coa que HPE axuda aos seus clientes a despregar solución IT sostibles para un mundo híbrido impulsado polos datos.

O equipo Os Zamburiñas da EET da UVigo, do mesmo xeito co resto de finalistas, son un exemplo da capacidade e o potencial da mocidade na xeración de ideas innovadoras para construír un futuro máis sostible.