O avance científico e tecnolóxico non sería posible sen a contribución das mulleres, cuxo traballo e dedicación resultan fundamentais para o desenvolvemento da sociedade actual. A súa presenza na investigación non só impulsa o coñecemento, senón que tamén enriquece a diversidade de perspectivas necesarias para afrontar os retos do futuro.
Co gallo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, a Universidade de Vigo, a través da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e da Unidade de Igualdade, organiza unha ampla programación de actividades. Obradoiros, feiras, exposicións e concursos conforman unha proposta que busca achegar á sociedade o papel esencial das mulleres na ciencia e na innovación.
O obxectivo desta iniciativa é darlles visibilidade ás mulleres investigadoras, fomentar vocacións científicas entre as nenas e establecer referentes femininos no ámbito da I+D, contribuíndo así á construción dun futuro máis igualitario.
A EET participa na novena edición dos obradoiros Elas Fan CienTec para rapazas de secundaria que terá lugar o 11 de febreiro. Nesta edición de 2025 participarán 60 alumnas de educación secundaria do IES Castelao, de Vigo, que realizarán dous obradoiros:
- Detectives de imaxes
- Robótica con CuteBot
Podes atopar información de todas as actividades que terán lugar na UVigo neste documento (Folleto_11_f_2025) e nesta nova do DUVI.