Os estudantes da Universidade de Vigo Santiago Janeiro, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e Guillermo Fernández, da Escola Enxeñería Industrial, acaban de facerse co primeiro ao mellor equipo da liga de debate LEDU STEM Cátedras Telefónica, unha competición organizada pola Liga Española de Debate Universitario (LEDU) e a Red de Cátedras Telefónica para fomentar as habilidades dialécticas no alumando das carreiras STEM (Science, Technology, Engineering e Mathematics). Ademais, a Santiago Janeiro otorgáronlle tamén o premio ao mellor orador. Tanto Santiago como Guillermo, os dous integrantes do equipo gañador, son membros e formadores da Asociación de Debate Retórica da Universidade de Vigo, coa que a EET colabora cun patrocinio económico e facilitándolle espazos para que poidan desenvolver a súa actividade.
Nesta edición de 2022 da liga de debate LEDU STEM Cátedras Telefónica participaron 18 universidades de toda España –todas con Cátedra Telefónica- converténdose na competición de debate académico con maior número de universidades participantes en España. O torneo consistiu nunha competición online, en eliminanorias directas, que se desenvolveu en liña do 13 ao 15 de maio -o equipo da UVigo desde o Salón de Graos da EET que está acondicionado para poder facer este tipo de eventos online-, e a gran final que se celebrou de xeito presencial o pasado venres 20 de maio no Innovation Center de Telefónica en Madrid.
A gran final tivo como protagonistas o equipo da Universidade de Vigo e o da Universidad Carlos III, que tiveron que despregar o mellor da súa oratoria arredor da pregunta: ¿Crearemos un mundo mejor con el metaverso?, e contou coa participación de Antonio Bengoa, director de Relacións Institucionais de Telefónica España, que foi o encargado de entregar o trofeo; Trinidad Jiménez, directora de Estratexia Global de Asuntos Públicos, e Alfonso Rodríguez de Sadia, director xeral da Liga Española de Debate Universitario.
O equipo da Universidade de Vigo revalida así o bo papel desempeñado na primeira edición da liga LEDU STEM, en 2021, na que acadou un segundo posto no torneo, e despois quedou entre as oito primeiras na competición global española, durante a que Guillermo Fernández, estudante do Grao en Enxeñaría Electrónica, Industrial e Automática, foi elixido mellor orador. Nesta edición de 2022 foi ao seu compañeiro Santiago Janeiro, estudante de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, a quen o xurado lle outorgou o galardón de mellor orador de toda a competición. “Por fin puidemos quitar a espiña do ano pasado e, persoalmente, era un dos obxectivos que me marcara este ano, polo que conseguilo é un soño cumprido”, salienta Guillermo.
Como equipo gañador os dous estudantes da UVigo obteñen, ademais do seu correspondente trofeo, unha praza para participar na fase final da Liga Española de Debate Universitario (LEDU), que enfronta aos 16 mellores equipos do territorio nacional. Será do 30 de setembro ao 2 de outubro en Zaragoza e haberá dous premios: 6000 euros para o equipo gañador e 3000 para o segundo clasificado. “Temos un grande equipo e penso que podemos competir perfectamente, de feito na anterior edición Guillermo xa fora elixido mellor orador dese torneo”, salientou Janeiro, subliñando ” gran nivel da canteira da UVigo”.
“Gañar este premio é culminar o traballo de todo un ano”
Guillermo e Santiago, os dous integrantes do equipo gañador, son membros e formadores da Asociación de Debate Retórica da Universidade de Vigo, unha iniciativa que naceu na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación en 2017 e que, en apenas cinco anos, conseguiu expandirse ao resto de escolas e facultades do campus. “Para nós gañar este premio é culminar o traballo de todo un ano da Asociación Retórica”, explica Santiago Janeiro, clasificado mellor orador de toda a competición. “Para min este premio é un orgullo enorme, por todo o que representa e por todo o traballo que fixemos na asociación”, subliña Janeiro, quen admite que a temática desta edición, o metaverso, non era doada. “Ao ser algo do futuro non hai moita documentación, polo que conseguir fontes fiables é bastante difícil”, recalca o gañador, quen tamén apunta que o nivel, “tanto da final como da semifinal, foi bastante alto”.
A Asociación de Debate Retórica da Universidade de Vigo centra a súa actividade en dar formación práctica e teórica en oratoria, baseándose nos modelos de debate universitario máis instaurados en España: o modelo académico e o BP (British Parliament). Trátase de axudar ao alumnado universitario, non só do ámbito TIC, a adquirir as habilidades necesarias para defender e expor con argumentos claros e concisos as súas ideas, ben sexa na vida persoal, na académica ou na profesional. “Agora mesmo somos xa 17 estudantes de diferentes centros, temos xente de Administración e Dirección de Empresas, de Dereito, de Tradución e Interpretación… e, por suposto, das enxeñarías”, recalca Janeiro.
LEDU STEM Cátedras Telefónica unha competición para estudantes STEM
A través deste torneo, pioneiro en España, Telefónica e a LEDU fomentan e impulsan nos futuros líderes dixitais as coñecidas como habilidades transversais (soft skills), que implican desenvolver competencias en oratoria e argumentación, intelixencia emocional e empatía, manexo do tempo e o estrés, traballo en equipo, espírito crítico e innovador, creatividade, resolución de problemas… e, en xeral, todas as capacidades que permiten combinar a eficacia e a efectividade e que son moi apreciadas polas empresas.
A LEDU STEM está dirixida aos estudantes das universidades que integran a Rede de Cátedras Telefónica España, un instrumento crave na colaboración Universidade – Empresa que ten como obxectivo a análise e identificación da situación e do impacto das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na sociedade cunha visión 360º.
Fonte DUVI.