En recoñecemento ao labor sobresaínte para a mellora da empregabilidade do alumnado e persoas tituladas do seu centro, así como ao fomento das oportunidades de emprendemento”, a Universidade de Vigo entregou o pasado xoves 8 de febreiro de 2024 o Distintivo de Empregabilidade á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET), converténdose así estes centros nos dous primeiros do campus de Vigo en acadar un recoñecemento que, nesta primeira edición, tamén se outorgou á Facultade de Dereito, no campus de Ourense.
O acto de entrega aos centros vigueses tivo lugar pola tarde no espazo Incuvi, na praza Miralles, presidido polo reitor, Manuel Reigosa, que se encargou de felicitalos polo recoñecemento acadado, un galardón co que a UVigo quere recoñecer a ampla traxectoria que teñen algunhas escolas e facultades na organización de actividades vinculadas á orientación profesional do seu alumnado e na intermediación universitaria no emprego, así como a súa dilatada experiencia na organización de feiras de emprego.
As felicitacións chegaron tamén da vicerreitora de Empregabilidade e Estudantado, Natalia Caparrini, quen explicou que con este distintivo a institución académica quere recoñecer publicamente as escolas e facultades que destaquen na promoción activa e permanente da mellora da empregabilidade do seu alumnado.
Tamén asistiu ao acto, como convidada, a conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Elena Rivo, que destacou a colaboración coa Universidade de Vigo en materia de promoción do emprendemento, para o desenvolvemento do espírito empresarial entre a comunidade universitaria. Tamén en favor da igualdade, tan necesaria en titulacións como as tecnolóxicas.
“Anos apostando por estreitar os vínculos coas empresas” na EET
A directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca P. Díaz, destacou que este distintivo supón o recoñecemento do traballo que se leva facendo na EET dende hai anos “apostando, como non podía ser doutra maneira nunha escola de enxeñaría, por estreitar os vínculos coas empresas” para os procesos de calidade do centro, para a formación en competencias transversais -“a través dos programas orientaTE e integraTE“-, para conseguir unha oferta variada e de calidade de prácticas externas, para promover a realización de traballos fin de titulación en empresas e para outras actividades de apoio a través da rede de traballo ConexiónTeleco.
Na súa intervención aproveitou, ademais, para agradecer o apoio do tecido empresarial coas actividades promovidas pola EET, o bo ánimo do estudantado e a súa iniciativa por complementar a súa formación a través de asociacións estudantís que xurdiron na escola, “como UVigo Space Lab, CES UVigo ou o Foro Tecnolóxico de Emprego” e tamén do PDI, “sempre activo en innovación e transferencia co tecido empresarial, o que nos axuda moito nas sinerxias coas empresas”.
Testemuños destacando a labor da EET
Álvaro Vázquez, egresado da EET, destacou os seis anos na escola, que lle axudaron a crecer como persoa. “Desde que entramos na carreira, ofrécensenos moitas facilidades para establecer contacto co mundo laboral”, comentou Álvaro. Subliñou a importancia da bolsa de prácticas que ofrece a escola e a conexión con empresas do sector. Desde o inicio da carreira, facilitase o contacto con empresas do sector, como Optare, que é o meu presente”, expresou Álvaro. Destacou a inigualable conexión entre os estudantes e as empresas, eloxiando o traballo da escola por brindar estas oportunidades.
Ivana Ogando, egresada tamén da escola, sumouse ás felicitacións e describiu a experiencia académica como dúas etapas: a incerteza do comezo e a incerteza despois da graduación. A escola, segundo Ivana, ofrece un sólido apoio en ambas etapas a través de programas como orientaTE, asociacións estudantís e un amplo abano de oportunidades para facer prácticas. Resaltou a importancia da bolsa de prácticas e eventos como o foro de emprego na transición dos estudantes cara ao mundo laboral..
Roberto Pérez, socio consultor de Optare Solutions, empresa estreitamente vinculada coa escola, compartiu datos sobre a incorporación de máis de 30 estudantes de Telecomunicación a prácticas nos últimos anos. Elogiou o nivel e a preparación dos titulados, indicando que a relación coa escola é clave para a súa empresa. Subliñou, ademais, o interese das empresas en participar en iniciativas da escola como, por exemplo, a rede ConexiónTeleco.
Numerosos medios fixeron eco da entrega deste distintivo.
Fonte DUVI.