A final da fase local da I Olimpíada Teleco reúne na Escola a máis de 250 estudantes de ESO, Bacharelato e FP

Os participantes desenvolveron solucións e prototipos que permitan avanzar cara cidades e comunidades sostibles.

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) lanzou a comezos deste ano o reto de deseñar e desenvolver prototipos e solucións baseadas na enxeñaría de telecomunicación e aliñadas co ODS 11 da Axenda 2030 referido ás cidades e comunidades sostibles. A este reto responderon 256 estudantes de ESO, Bacharelato e FP de toda Galicia. Parte deles déronse cita o pasado venres 26 de maio no campus de Vigo na fase final desta I Olimpíada de Teleco na categoría por equipos (estudantes de ESO e FP), na que tivo lugar a entrega de premios tanto nesta categoría como na categoría individual (estudantes de Bacharelato). En total, foron 25 institutos de secundaria os que se embarcaron na primeira edición desta iniciativa que ten como finalidade espertar vocacións e visibilizar a potencialidade dos estudos da rama da telecomunicación e os campos nos que está presente no día a día.

O evento organizouse este ano por primeira vez en todo o Estado español da man de 20 escolas de enxeñería de telecomunicación de toda España e do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación, que decidiron centrar a competición en como a telecomunicación pode mellorar a calidade de vida e no seu impacto nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030. Como explica a directora da escola, Rebeca Díaz, “para a EET é un orgullo formar parte do equipo coordinador destas olimpíadas, que son as primeiras que se celebran no ámbito nacional e que supuxeron un grande esforzo de traballo entre os colexios profesionais e máis as escolas de enxeñaría”.

Seis proxectos de equipos de FP e nove de equipos da ESO na fase final

A EET encargouse da organización da fase local en Vigo da Olimpíada, que arrancou en febreiro cun obradoiro de iniciación ao Arduino. Dende o mes de marzo os equipos traballaron no deseño e desenvolvemento de cadanseu proxecto aliñado coa enxeñería de telecomunicación e o ODS 11, empregando un kit de placas programables compatibles co IDE de Arduino que lles proporcionou a EE Telecomunicación e nos que as comunicacións como 5G, LoRaWAN, Wifi, Bluetooth, etc. debían estar presentes. A fase clasificatoria botou a andar o día 15 deste mes e concluíu este venres coa presentación dos proxectos seleccionados como finalistas. E é que, como explica a directora da escola, cada centro só podía clasificar para a final un equipo, polo que finalmente, na xornada deste venres presentaron os seus proxectos seis equipos de FP e outros nove da ESO. Rebeca Díaz foi a encargada de darlles a benvida aos participantes e de presentarlles os membros do xurado, formado por investigadores da escola e por representantes de tres empresas -da rede Conexión Teleco– patrocinadoras Daniel Pérez, de BorgWarner, Javier Piñeiro, de Indra e Carlos Rodríguez, de Televés. Díaz Agradeceu a implicación dos docentes dos colexios e institutos e o traballo realizado por todos os equipos, entre eles os 15 que competiron na fase final deste venres.

Tras presentar cada un dos proxectos ante o xurado, os equipos tamén fixeron unha exposición pública nos corredores da EET onde atenderon as preguntas e consultas do xurado e do resto das persoas asistentes. Finalmente, elixíronse os tres mellores proxectos na categoría de ESO e na categoría de FP, cun premio de 400 euros para os equipos coa mellor solución técnica e máis 400 euros para os institutos aos que pertenzan; dous segundos premios de 300 euros para os equipo que teñan a proposta máis orixinal; e dous terceiros de 200 euros para os equipos coa proposta máis aliñada co ODS 11. Na categoría de ESO, patrocinada por Indra, o primeiro premio foi para o IES Primeiro de Marzo; o segundo para o CPR Manuel Peleteiro e o terceiro para o IES Pastoriza. Na categoría de FP, os premios outorgados por BorgWarner foron en primeiro lugar para o CIFP Farixa; o segundo para CPR Daniel Castelao e o terceiro para IES Monte da Vila.

Ademais, o pasado sábado 20 de maio tamén se celebrou un exame individual escrito na categoría de Bacharelato, cuxos premios de 400, 300 e 200 para os tres estudantes mellor clasificados se entregaron tamén este venres da man de Televés. O gañadores, neste caso, foron Xabier Garabato González, do CPR Manuel Peleteiro; Rocío Fernández Álvarez, do IES Ribeira do Louro e Noa Domínguez Seara, tamén do IES Ribeira do Louro.

Agora, os centros gañadores clasifícanse para a fase nacional que terá lugar en xuño e na que deberán medirse aos equipos vencedores das outras sedes cos que competirán polos premios á mellor proposta técnica; á proposta máis orixinal; á proposta máis aliñada co ODS 11 e á mellor comunicación e exposición de proxecto.

Exemplos de proxectos

Os proxectos que concorren ao concurso xiran arredor da mellora da vida cotiá nas cidades a través da tecnoloxía e as telecomunicacións. Por exemplo, o CEIP Dr. López Suárez, de O Saviñao, presentaron Smart Trash bin, unha proposta que ten como obxectivo axustar as rutas e os tempos da recollida dos contedores de lixo e favorecer a reciclaxe a través da intelixencia artificial. O IES Primeiro de Marzo, de Baiona, realizou unha proposta de contedores accesibles para persoas con problemas de visión ou mobilidade reducida e o CPR El Castro presentou Smart Park, un traballo que se centra nunha serie de medidas automatizadas nun parque público para acadar seguridade, un uso eficiente dos recursos e a mitigación de cambio climático, por exemplo, a través dun cortacéspede automatizado, acendido automático da iluminación das rúas, uso eficiente da auga para rego ou control de temperatura, humidade, etc. Outros proxectos apostaron, como o de Sta. Teresa de Jesús, por cargadores eficientes ou o do alumnado do CPR María Auxiliadora, que realizou un deseño de estradas sostibles centrado la iluminación eficiente e automatizada.

Fonte DUVI.