O Plan de Acción Titorial e Atención ás Necesidades Específicas de Apoio Educativo (PAT-ANEAE) é un instrumento a través do que se deseña o contido e a execución de diversas accións relativas á titoría universitaria.
As actividades do PAT-ANEAE van dirixidas a todo o estudantado da Escola, prestando unha especial atención ao estudantado de novo ingreso e a quen estea rematando os estudos, situacións nas que se fai máis necesario dispor da información que axude á toma de decisións propias destas etapas, e a aquelas persoas con algunha necesidade específica.
Na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, as actividades do PAT-ANEAE organízanse en cinco grandes programas:
Este programa está dirixido principalmente a futuros estudantes, e axudará a obter información de primeira man sobre os estudos que ofertamos antes de entrar na escola.
Esta información obterase de forma presencial ou telemática, e poderá proceder, a petición dos solicitantes, de empresas do sector das telecomunicacións, docentes do centro e estudantes actuais da escola.
O curso 0 é un pequeno programa voluntario de actividades pensadas para realizarse ao longo dunha semana, individualmente e desde casa antes do comezo do curso.
Programa de integración, creado no curso 2023-24, para atender ao estudantado de grao que chega á Escola. Ao longo do curso, e con especial énfase no comezo dos cuadrimestres, os estudantes de primeiro de Grao teñen actividades que lles axudarán a integrarse na vida da Escola e a adaptarse á súa nova condición: universitaria, adulta, madura…
As actividades están incluídas nos horarios de primeiro curso, para salientar a súa importancia na formación completa na comunidade educativa da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Plan de centro, creado no curso 2021-22, que pretende establecer unha única estratexia para mellorar a orientación do estudantado durante a súa estancia na Escola, tanto nos seguintes pasos na súa traxectoria académica, como de cara a súa inserción no mundo laboral. Na planificación de orientaTE inclúense actividades formativas complementarias, como visitas a institucións e empresas que teñan interese formativo, charlas de persoas expertas do mundo profesional sobre aspectos técnicos e/ou relevantes para a formación transversal dos estudantes (soft-skills), así como obradoiros sobre temas específicos impartidos por especialistas, ou outras iniciativas similares (hackatons, capture-the-flag, etc.).
A participación do estudantado nestas actividades recóllese anualmente e é trasladada á Vicerreitoría de Estudantes, para o seu recoñecemento académico segundo a normativa vixente.
O programa de integración de universitarios/as con necesidades especificas de apoio educativo (PIUNE) é proporcionado pola Universidade de Vigo e xestionado pola UNATEN (Unidade de atención ao estudantado con necesidades específicas de apoio educativo). Precisamente nas páxinas da UNATEN podes coñecer os detalles desta iniciativa.
O estudantado pode inscribirse no PIUNE no momento no que formalice a matricula nos estudos oficiais na Universidade de Vigo, ainda que existe a opción de facelo posteriormente. Neste caso tramitarase a inscrición coa axuda da persoa responsable do PIUNE e/ou do PAT-ANEAE do centro no que se atope realizando os estudos con tempo abondo para poder estudalo e determinar as medidas necesarias.
Na EET estamos especialmente concienciados coa igualdade de oportunidades e con facilitar ao estudantando con necesidades específicas de apoio educativo a súa vida académica, polo que podes dirixirte a nós para que te axudemos.
Para dúbidas ou máis información
Coordinación do Plan de Acción Titorial
da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación
teleco.pat@uvigo.gal