Innovador plan piloto das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo para integrar a IAX na docencia dos graos

A idea partiu da EE de Telecomunicación, onde xa contabamos cunha guía de uso propia

As tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo -Industriais, Minas e Enerxía, e Telecomunicación- poñeremos en marcha o vindeiro curso unha innovadora experiencia piloto na que participan máis de medio cento de docentes e coa que buscamos integrar o uso da Intelixencia Artificial Xenerativa, IAX, na docencia, analizando as necesidades e dificultades que poden xurdir e os mellores xeitos de solucionalas. A idea partiu da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde o curso pasado xa aprobaramos un documento de guía de uso para docentes e estudantes, e, agora, damos un novo paso de cara a poder establecer unhas guías de uso moito máis detalladas.

O piloto consta de varias fases. “A primeira é a formación do profesorado que participa nesta iniciativa, que é na que estamos agora”, explica a directora da EE de Telecomunicación, Rebeca Díaz, ao que engade que a continuación recolleremos documentación detallada dos usos que cada equipo docente fará de IAX nas súas materias. No primeiro cuadrimestre entrará en xogo tamén a formación para o alumnado matriculado nestas materias e, unha vez pechado o cuadrimestre, recolleremos información do proceso de uso de IAX. “Coa información recibida refinaremos a aplicación de IAX no segundo cuadrimestre e tamén a formación para docentes e estudantes”, aclara a directora da EET. 

Finalmente, e como conclusión deste piloto, agardamos poder contar  cunha análise detallada do impacto do uso de IAX no proceso de ensinanza-aprendizaxe, poder documentar con boas prácticas o traballo realizado, de xeito que poida estenderse a outras materias e titulacións, así como decidir que ferramenta son máis axeitadas para cada tipo de uso docente (auto-avaliación, asistentes virtuais, xeración automática de código etc.) e, de ser necesario, “o tipo ou tipos de licencias de software requiridas”.

O plan involucra unha ducia de graos e arredor de 800 estudantes 

Para pór en marcha a iniciativa pedimos, en primeiro lugar, a colaboración dun conxunto de profesores e profesoras con docencia no Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación co obxectivo de facer un proceso dirixido e monitorizado durante o curso 2025-2026. “Axiña decidimos estendelo ás tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo, dado que desta forma a casuística é moito maior e o resultado da análise será máis completa”, salienta Díaz, quen explica que os equipos directivos da EEI e da EME tamén estaban interesados no impacto que está tendo o uso de IAX por parte do alumnado e do profesorado, así que foi algo “moi natural” que este piloto se deseñase de forma coordinada. “Desde un principio pareceunos que os tres centros teñen intereses compartidos e o traballo conxunto podería dar moita máis información que un piloto individual”, recalca Díaz. 

O proxecto implica a todos os graos que se imparten nas tres escolas, o que involucra máis de 60 docentes e “non menos de 800 estudantes”.  A idea é aplicar a formación que están a adquirir estas semanas, “nesta primeira edición do curso formativo”, para a docencia nas diferentes materias, incluíndo xa propostas de aplicación concretas.

Na EET xa contabamos cunha guía propia e, en breve, publicaremos un manual “xa máis extenso”

De maneira paralela á posta en marcha deste proxecto piloto, desde a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación ultimamos a elaboración dun novo manual, “xa máis extenso”, no que se afonda nos distintos aspectos nos que impacta a IAX na docencia universitaria: metodoloxías, avaliación, regulación, declaración de uso…  Titulado A Intelixencia Artificial Xerativa na Práctica Académica, o libro está editado polo docente da EET Manuel Caeiro Rodríguez, e nel participan como autores as profesoras e profesores que orixinariamente elaboraron o primeiro documento de guía aprobado pola escola o pasado verán.

A publicación desta obra será financiada a través da Convocatoria de Publicación de Monografías e Manuais do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.

Fonte: Duvi