A EET abre este xoves as súas portas á cidadanía

As persoas interesadas en participar na visita deben inscribirse na web do centro

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación abrirá este xoves as súas portas á cidadanía nunha xornada pensada especificamente para o estudantado de ensino medio que en breve terá que elixir titulación universitaria, así como para as súas familias. Será a partir das 16.30 horas, previa inscrición na web da escola.

A xornada, que se celebra por terceiro consecutivo e que se suma ás frecuentes visitas de institutos ao centro para participar en diferentes actividades, estará guiada por profesorado, así como por alumnas e alumnos que darán información de primeira man sobre como é estudar nesta escola, en que consiste o Grao de Enxeñaría de Telecomunicación, que tipo de actividades se realizan etc.

A visita iniciarase cunha pequena charla de presentación e, a partir de aí, as persoas participantes poderán experimentar as potencialidade das tecnoloxías de telecomunicación nos laboratorios de 5G, cámaras anecoicas, laboratorio de fotónica para comunicacións ópticas e cuánticas…

Hackaton para alumnado da escola con 700 euros en premios

Nesta ocasión o percorrido incluirá tamén a visita ao hackathon Tecnoloxías de Virtualización Lixeiras – WebAssembly, que se celebra esa mesma tarde na escola organizado pola empresa Optare Solutions e o centro de investigación atlanTTic da UVigo, e no que se amosarán algunhas das tecnoloxías actuais de virtualización de aplicacións, así como as novas tendencias para as contornas de computación Edge. 

Aberto á participación de alumnado tanto de grao como de mestrado, o hackathon constará de tres fases. A primeira consistirá nunha introdución a estas tecnoloxía que correrá a cargo de Alberto Estévez Caldas e Rubén Pérez Vaz, investigadores Edge Computing da UVigo. A continuación, describirase o reto de programación do concurso e, por último, será o momento da implantación, avaliación e medición das solucións achegadas polos participantes, o que proporcionará os resultados para determinar os gañadores ou gañadoras. O mellor proxecto recibirá 400 €, o segundo 200 € e o terceiro 100 €.

Fonte: DUVI