Proxectos do centro atlanTTic
Os enxeñeiros Íñigo Cuíñas Gómez e Javier González Castaño visitaron «De 0 a 100», o programa de La Voz en colaboración coa Consellería de Educación, para presentar o asistente virtual Celia e o sistema de localización Digital4Rural, deseñados específicamente para persoas de idade avanzada no centro de investigación atlanTTic de Vigo.
Só en Galicia, segundo o INE, hai máis de 700.000 persoas maiores de 65 anos e máis de 100.000 viven soas. Pensando nesa audiencia potencial, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, impulsou o desenvolvemento de dous proxectos que hoxe son xa unha realidade.
«Unha das maiores dificultades foi dar precisamente cos usuarios que empregarían as novas aplicacións. Empezamos por aí para que en termos de usabilidade non houbera problemas», sinala Javier González Castaño, que forma parte do equipo de investigadores que creou o asistente conversacional baseado en intelixencia artificial Celia. «A principal diferencia con Alexa ou Ok Google é que máis alá de cumprir ordes, é capaz de entender o que lle dicimos, facéndonos tamén preguntas e creando unha experiencia diferente para cada usuario».
É precisamente isto o que permitiu que Celia, tendo en conta que sería usado preferentemente por xente maior, poida detectar mediante unha serie de tests mesmo problemas médicos ou neurodexenerativos. Esta dispoñible nas tendas de aplicacións de Android e iOS e na web celiatecuida.com.
Pola súa banda, Íñigo Cuíñas, presentou Digital4Rural, un sistema de localización pensado para entornos rurais. «Mediante o emprego de localizadores pódese saber en todo momento onde están os usuarios, evitando que a xente maior se perda», sinala Cuíñas.
O máis importante é que o sistema pode funcionar mesmo nos sitios onde non hai rede móbil, e mesmo se a houbera, pero falla, as persoas maiores estarían localizadas. «Funciona con éxito xa en tres parroquias da provincia de Ourense e os maiores gañan independencia ao tempo que os seus familiares están más tranquilos», comenta o enxeñeiro sobre o feedback que están recibindo do proxecto.
Os veciños destes núcleos poden ver nunha tablet ou nun móbil onde están os localizadores (se deciden que queren poñelos en funcionamento) creándose así ademais un sentimento de pertenza comunitario no que uns se preocupan polos outros.
Fonte: La Voz de Galicia