O reitor e o presidente da empresa asinaron este xoves o convenio entre ambas entidades
A Universidade de Vigo amplía este curso a súa rede de cátedras coa sinatura dun novo convenio co Grupo Oesía, unha multinacional española dedicada á enxeñaría dixital e industrial de uso dual, que desenvolve e implanta proxectos de innovación e transformación en 40 países de catro continentes. A cátedra Oesía responde ao interese de ambas entidades por colaborar en actividades docentes e de investigación no eido das telecomunicacións e, especialmente, no estudo da radiofrecuencia aplicada. Dentro deste ámbito, a cátedra buscará abordar aspectos clave como os sistemas de antenas, o deseño e simulación electromagnética destes sistemas, a súa calibración e medición, así como a aplicación de ferramentas transversais dadas pola intelixencia artificial, con posibilidades de ampliación cara áreas como a simulación electromagnética, os sistemas QKD ou as redes 5/6G.
Un piar para o futuro do país
Esta non é a primeira colaboración entre ambas entidades, que xa asinaron en 2021 un convenio de cooperación no eido da ciberseguridade e a transformación dixital. “Esta cátedra que asinamos hoxe”, destacaba Luis Furnells, presidente executivo de Grupo Oesía, “é un paso máis no noso camiño para impulsar o avance tecnolóxico español en xeral e galego en particular a través da formación, a divulgación do coñecemento e a transferencia e fomento da I+D+i no campo de disciplinas vangardistas”. Neste sentido, o responsable do grupo destacou que sendo unha empresa que aposta polas tecnoloxías disruptivas “somos conscientes da importancia que ten a colaboración entre as empresas e os centros de investigación, como son as universidades, para o desenvolvemento e o progreso da economía e da sociedade. Por este motivo, estamos moi orgulloso de contribuír ao talento galego que se forma nestas aulas e na súa achega á comunidade”.
Pola súa banda, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, amosouse convencido de que “a Universidade ten que xogar un papel importante no desenvolvemento das capacidades de país, non só a través da formación, senón tamén da I+D e da colaboración público-privada e isto é algo no que a UVigo sempre creu e esta cátedra e do que esta cátedra é un exemplo”. Reigosa salientou deste acordo que abre as portas a colaborar no eido do doutoramento industrial, en temas relacionados con comunicacións cuánticas, intelixencia artificial, 5G e 6G ou fotónica, “mellorando a formación do noso alumnado e tamén ofrecéndolles proxectos potentes que eviten que outros países se beneficien do seu talento e as súas capacidades, imprescindibles para o futuro do país”.
No acto de sinatura tamén participaron a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, así como Carlos Founaud, director de Innovación de Grupo Oesía e María Graña, responsable de Innovación e Tecnoloxía de Inster-Grupo Oesía, e os directores da cátedra, os investigadores Ana Vázquez Alejos, do grupo de Sistemas Radio, e Óscar Rubiños, do de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas, ambos membros do atlanTTic, o centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo. A vicerreitora coincidiu co reitor e o presidente executivo do grupo na importancia deste tipo de colaboracións entre universidade e empresa para poñer en marcha proxectos atractivos que permitan reter o talento do alumnado e mesmo conseguir retornar aqueles profesionais excelentes que apostaron por marchar da universidade e do país.
Os coordinadores da cátedra fixeron fincapé na importancia que esta terá para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e para o seu alumnado, xa que lles permitirá “vincularse con empresas do sector” durante a súa etapa de formación e isto axudarallers a potenciar os seus proxectos e iniciativas, que se caracterizan pola multidisciplinariedade. Neste sentido, os docentes recalcaron que esta colaboración será retroactiva e, “aínda que a cátedra arrancará co foco posto na radiofrecuencia, pouco a pouco irá crecendo cara eidos como QKD, as comunicacións cuánticas ou as redes 5/6G”.
Actividades previstas para o primeiro ano da cátedra
Ao abeiro desta nova cátedra organizaranse actividades de formación, de divulgación e transferencia e de fomento de I+D+i. No que atinxe á formación, levaranse a cabo seminarios sobre tecnoloxías de interese común e resultados da colaboración, un programa de prácticas para estudantes, a inclusión de temas de traballo na materia Laboratorio de Proxectos de 4º curso de Enxeñaría de Telecomunicación, así como actividades académicas complementarias e o patrocinio da estudos a través de bolsas ou premios. No que se refire á divulgación e transferencia, organizaranse conferencias e encontros con outras empresas da área para visibilizar o potencial laboral e de I+D. Finalmente, no que se refire ao fomento da I+D+i, o convenio establece como prioridades a concorrencia á convocatoria de Doutoramento Industrial, o apoio á realización de proxectos fin de grao e mestrado, a organización de encontros de expertos en temas de vangarda tecnolóxica ou temas de I+D.
O acordo terá unha vixencia de catro anos, que poderán ser prorrogables unha vez remate este período.
Fonte: DUVI.