Non buscan prohibir senón ensinar a utilizar esta tecnoloxía de forma “ética, responsable e crítica”
A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acaba de publicar unha guía pioneira sobre o uso da Intelixencia Artificial (IA) e, máis concretamente, da Intelixencia Artificial Xerativa (IAX) nas aulas universitarias, converténdose así no primeiro centro da institución académica viguesa en regular o uso dunha tecnoloxía, cada vez máis omnipresente, capaz de xerar contido novo, como texto, imaxes ou programas informáticos, que pode empregarse de diversas formas para apoiar a realización de moitas tarefas propias do estudantado e do profesorado universitario.
Non buscan prohibir, xa que se trata “dunha ferramenta con gran potencialidade”, pero si proporcionar “directrices de uso”, ensinar a utilizar a IA de forma “ética, responsable e crítica”.
“A nosa idea é tratar de integrar de forma ética estas ferramentas no día a día do ámbito educativo universitario”, explica a directora da escola, Rebeca P. Díaz, quen explica que se elaboraron dous documentos independentes: un informe de arredor de 40 páxinas sobre o uso da IAX na realización de actividades académicas na universidade, e un segundo documento, máis sintético, dirixido especificamente ao estudantado, con indicacións concretas para os alumnos e alumnas sobre como poden empregar estas tecnoloxías.
Recomendacións válidas para calquera docente e estudante
A elaboración de ambas guías correu a cargo dun grupo de traballo conformado por máis de vinte docentes de distintos departamentos do centro (Enxeñaría Telemática, Tecnoloxía Electrónica e Teoría do Sinal e da Comunicación), coordinados polo docente Manuel Caeiro Rodríguez e apoiado e impulsado pola dirección da escola.
“Todas as persoas que forman parte deste equipo traballan no ámbito da IA aplicado a diferentes ámbitos e, por tanto, teñen un coñecemento moi próximo do seu uso, potencialidades e riscos”, explica Díaz, ao que engade que as novas directrices se aplicarán a moi curto prazo na EET, pero que son abertas a calquera docente e estudante universitario.
“Dado que non existe unha guía concreta deste estilo na Universidade de Vigo, entendemos que é unha oportunidade para abrir este debate e que poida servir como documento inicial de traballo a nivel máis amplo que a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación”, recalca a directora do centro.
Un reto que debe abordarse “dende o acollemento e a formación, non dende a prohibición”
Baixo o título Usos da IA Xerativa na docencia. Documento marco na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación os docentes presentan a súa visión sobre o uso da IAX, revisando esta tecnoloxía desde unha perspectiva académica.
“Entendemos que IAX está sendo empregada de forma moi proveitosa en ámbitos moi diversos e para distintas tarefas, tamén por nós, docentes e persoal investigador”, explica o coordinador do documento, o profesor Manuel Caeiro, quen insiste en que a IAX é unha ferramenta con gran potencialidade para o traballo nas aulas universitarias.
“Consideramos que non debe ser prohibida, entre outros factores porque non é sinxelo poder detectar o seu uso. Pola contra, pensamos que o que debemos facer é aprender e ensinar a utilizala de forma axeitada, é dicir, de forma ética, responsable e crítica”, recalca Caeiro.
Con ambos documentos a escola busca preparar ao estudantado o mellor posible para que se poida desenvolver nun mundo no que a IAX vai ser omnipresente.
“Agora ben, tamén somos conscientes de que a IAX non deberá ser utilizada para eludir a realización de actividades necesarias para a aprendizaxe”.
Estas dúas cuestións supoñen, a xuízo do equipo redactor das guías, un reto que obrigará a reflexionar e reformular as metodoloxías empregadas actualmente na docencia e a avaliación das materias.
“Insistimos en que este reto deberá ser abordado dende o acollemento e a formación, e non dende a prohibición”, insiste Caeiro.
Para logralo o informe conta con varios apartados nos que se debulla esta visión sobre a IAX ao tempo que se presentan os seus fundamentos, limitacións e perigos, suxestións para a elaboración de consultas axeitadas para estas ferramentas, exemplos de uso para profesorado e estudantado, competencias a desenvolver, etc.
Unha boa ferramenta para xerar ideas, pero o traballo final debe “reflectir ideas, análises e conclusións propias”
No caso do documento específico para o alumnado, IA Xerativa: guía para o estudantado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, preséntanse indicacións moi específicas sobre como deben empregar este tipo de ferramentas de maneira ética, declarando o seu uso e recoñecendo a propiedade intelectual; responsable, en canto a que serva para apoiar a aprendizaxe, non para eludila, e sendo consciente do que implica o seu uso, e crítica, en canto a coñecer as limitacións da tecnoloxía e a necesidade de contrastar os seus resultados.
A visión é facer o mellor uso posible da IAX para o desenvolvemento das competencias propias dos títulos e das actividades académicas que estas conlevan, incorporando novos resultados de aprendizaxe relativos ao uso desta nova tecnoloxía. A IAX é, segundo se defende na guía, “unha boa ferramenta para axudar a xerar ideas e a redactar un texto, pero o traballo final debe reflectir ideas, análises e conclusións propias”.
Fonte: DUVI, La Voz de Galicia.