Propiedade e financiado por Navantia, e deseñado e desenvolvido pola UVigo, a través dun grupo de docentes e enxeñeiros da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) e investigadores de atlanTTic, liderado polo catedrático Fernando Obelleiro, o Sistema de Servizos Integrados (SSI) botaba a andar no ano 2015 co obxectivo inicial de reducir o cableado nos buques, un propósito que coa evolución do proxecto derivou no de proporcionar unha infraestrutura dixital, segura e intelixente, que dera soporte e cobertura integral a múltiples servizos e funcionalidades. O despregue do SSI lévase a cabo mediante nodos intelixentes distribuídos por todo o buque, reemplazando ás luminarias convencionais, a través dunha infraestrutura que se converte nunha especie de “sistema nervioso” do buque con aproximadamente 10.000 sensores distribuídos en todos os compartimentos e que permite desenvolver múltiples funcionalidades entre as que actualmente se inclúen: alumeado exterior e interior e sinalización: comunicacións interiores, telefonía, ordes xerais e avisos sonoros; monitorización de persoal, recoñecemento facial e vixilancia biométrica; posicionamento de persoas e equipos, tanto interior como exterior; acceso sen fíos deste terminais móbiles e interfaz vocal con recoñecemento de linguaxe natural.
O SSI convértese deste xeito, segundo explicaron o director de I+D+i de Navantia, Carlos Blanco, e o catedrático do Departamento de Teoría do Sinal da EET da UVigo, Fernando Obelleiro, na plataforma ideal para o despregue do Xemelgo Dixital e para transformar os barcos en auténticas plataformas intelixentes ou buques 4.0, con capacidade de monitorización e control da súa tripulación e elementos de seguridade, así como da súa contorna. “Os puntos de luz convertémolos en nodos do SSI distribuídos por todo o barco, ofrecendo: alumeado, localización , CCTV, comunicación interna, asistente de voz, etc.”, detalla Obelleiro, que se refire ao SSI como “un sistema nervioso do barco que permite saber como está todo dentro do buque en tempo real”. Pola súa banda, Carlos Blanco, asegurou na presentación que se realizou no polígono loxístico e tecnolóxico de Valladares onde a UVigo conta cun demostrador con forma que buque no que desenvolveu o SSI, que “é unha infraestrutura que encaixa perfectamente para despregar a Internet das cousas no mundo da defensa”, ao estar deseñado con estándares do mundo militar para soportar choques, vibracións electromagnéticas ou afundimentos.
Un sistema patentado e sen parangón no mundo naval
O SSI é unha patente de Navantia e a UVigo e na actualidade non existe ningún sistema equivalente no mundo naval, “máxime nunha contorna electromagneticamente tan complexa como é un buque”, destacaron Bruno Seoane, enxeñeiro da UVigo e director técnico do proxecto e Fernando Obelleiro, que tamén se citou á “resiliencia, facilidade de mantemento, ciberseguridade e privacidade”, como algúns dos requisitos de deseño do sistema. Unhas trinta persoas participaron desde o inicio neste proxecto, nacido na unidade mixta de investigación entre Navantia e a Universidade de A Coruña e co desenvolvemento da UVigo.
Os primeiros buques nos que está previsto instalar o SSI son as fragatas F-110 que Navantia constrúe para a Armada Española, e formará parte, xunto co Xemelgo Dixital, da nova arquitectura dos buques dixitais.