Durante os 2 primeiros cuadrimestres impártense 46,5 créditos comúns e obrigatorios, que podemos clasificar en:
● Tecnolóxicos (27 ECTS): abordan temas de programación, renderizado de imaxe, análise do contorno real, interacción co usuario, Realidade Estendida móbil e contornos virtuais colaborativos.
● Produción (19,5 ECTS): tratan sobre a produción de contidos e os fluxos de traballo con equipos multidisciplinares, ademais de revisar o equipamento dispoñible no mercado.
Para poder formar os dous perfís profesionais distintos que facilita este máster, definíronse 2 especialidades, sendo obrigatorio escoller unha delas. Cada especialidade consta de 6 materias obrigatorias, que suman un total de 13,5 ECTS no segundo cuadrimestre e 9 ECTS no terceiro cuadrimestre. Son as seguintes:
● Técnico/a avanzado/a en Realidade Estendida: afóndase na algorítmica, programación e optimización das prestacións dos sistemas que implementan os espazos virtuais.
● Deseñador/a de experiencias en Realidade Estendida: afóndase na integración dos espazos virtuais nos procesos de produción xa existentes, na satisfacción do usuario e na creación de novas solucións en diversos ámbitos (deseño, produción, mantemento, adestramento…) e sectores (industria 4.0, saúde, educación…).
O terceiro cuadrimestre, ademais de profundar nos temas da especialidade elixida, dedícase a dous aspectos:
● Desenvolvemento profesional (12 ECTS): consta dunha materia na que se tratan cuestións relacionadas co emprendemento, a innovación e a xestión dun proxecto empresarial. Por outra parte, foméntase a integración laboral mediante prácticas obrigatorias nunha empresa do sector.
● Traballo Fin de Máster (9 ECTS): procurarase potenciar a realización de traballos de utilidade para as empresas e a colaboración entre estudantes das dúas especialidades.